Nova: López Campos anuncia que a Xunta adxudicará este mes as obras para reparar a torre de San Salvador de Vilaza

11/09/2025
López Campos anuncia que a Xunta adxudicará este mes as obras para reparar a torre de San Salvador de Vilaza
A intervención, que contará cun investimento de case 500.000€, está destinada a solucionar os problemas estruturais do campanario, así como labores de limpeza e renovación da instalación eléctrica
Resalta “o compromiso coa provincia de Ourense coa conservación do patrimonio, tanto o vencellado á arquitectura como o que ten que ver coa arqueoloxía”
A actuación súmase á que xa está en marcha na igrexa de San Pedro de Flariz, no mesmo municipio
Monterrei (Ourense), 11 de setembro de 2025
A Xunta de Galicia adxudicará este mes as obras para reparar a torre do campanario da igrexa de San Salvador de Vilaza, no concello ourensán de Monterrei. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nunha visita a este ben, no que a o Goberno galego ten previsto investir preto de 500.000€.
Deste xeito, o representante do Goberno galego, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, lembrou que os traballos, que terán un prazo de execución de 12 meses desde o seu inicio, pretenden resolver os problemas de estabilidade na torre e outras cuestións relacionadas co aspecto e conservación nas fábricas de pedra. Ademais, puntualizou, tamén se intervirá sobre o funcionamento das instalacións de electricidade e de protección fronte aos raios. Todo isto, dixo, “en consonancia coa liña que estamos a seguir con respecto á conservación do noso patrimonio, con actuacións sobre os monumentos que se estenden por todo o noso territorio”.
Neste senso, López Campos apuntou que “respondemos á nosa responsabilidade coa protección, mantemento e posta en valor dos bens patrimoniais en toda a Comunidade, un legado que deixaremos para as xeracións futuras nas mellores condicións”. Así, engadiu, “esta intervención en Monterrei únese á que xa temos en marcha para a rehabilitación da igrexa de San Pedro de Flariz, na que achegamos máis de 500.000€”, facendo fincapé así “no compromiso que mantemos coa provincia de Ourense tanto con actuacións vencelladas á arquitectura como as que teñen que ver con xacementos arqueolóxicos”.
Actuacións previstas sobre a torre
O proxecto da igrexa de San Salvador de Vilaza contempla dar solución aos danos estruturais que presenta a torre do campanario, xa que ten importantes fisuras e gretas que provocan deformacións neste elemento. Ademais, levaranse a cabo intervencións inacabadas do pasado e realizarase unha limpeza externa e interna, ademais de renovar a instalación eléctrica.
Deste xeito, os traballos centraranse en recolocar a esquina superior da fabrica de pedra das fachadas noroeste e suroeste, así como na substitución dos forxados e escaleiras interiores de formigón armado por unha nova estrutura horizontal de madeira colocada nos niveis orixinais. Ademais, disporase un atirantado metálico, ancorado nas esquinas da fábrica e realizaranse inxeccións e recheos de xuntas e gretas con morteiro de cal.
Por outra banda, executarase a recolocación das campás, que serán restauradas, e do reloxo, no que tamén se acometerá unha limpeza da maquinaria antiga, ademais de rehabilitar elementos escultóricos singulares. A isto engádeselle a colocación dunha nova instalación eléctrica e de iluminación, un novo pararraios e mallas antipaxaros nos ocos.