Nova: A Xunta apoia seis residencias artísticas no Gaiás enfocadas na experimentación sonora, as relacións Galicia-Reino Unido, a creación escénica e a cerámica

11/09/2025

A Xunta apoia seis residencias artísticas no Gaiás enfocadas na experimentación sonora, as relacións Galicia-Reino Unido, a creación escénica e a cerámica

O director xeral de Cultura celebra a consolidación dunha convocatoria que destina máis de 62.000 € e espazos de traballo para facer realidade proxectos de vangarda

Marta Alonso Tejada creará en ‘Aburrimento’ unha escenografía interactiva para todos os públicos e Antuán Rivas desenvolverá a súa primeira obra teatral, ‘Dream On’

A artista visual Mar Ramón Soriano investigará as relacións culturais entre Galicia e Reino Unido a comezos do século XX para dar forma a un atlas escultórico

Música creada a partir de ondas neuronais centra o traballo de ‘Cerebral 4.0’, o proxecto de Alberto Castaño seleccionado na nova categoría de artes dixitais

Andrés Rodríguez Monteavaro propón escoitar a arquitectura do Gaiás en ‘Cidade Sonora’ e Loaira Pérez innova na cerámica artística con ‘Azulexería’

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2025

O director xeral de Cultural, Anxo M. Lorenzo, deu a benvida hoxe ao conxunto de artistas seleccionados na cuarta convocatoria das axudas REGA, impulsadas pola Xunta de Galicia. Trátase de seis proxectos centrados na investigación das influencias culturais entre Galicia e Reino Unido a comezos do século XX; a experimentación sonora ao redor da arquitectura do Gaiás e o uso das ondas cerebrais para compoñer música; a creación escénica contemporánea e a innovación no eido da cerámica artística.

Durante o encontro, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude fixo fincapé na importancia de “consolidar unha liña de actuación que ofrece recursos económicos e técnicos, acompañamento profesional e espazos de traballo acondicionados na Cidade da Cultura para dar pulo á ampla e diversa comunidade creativa galega”. Neste sentido, recordou a ampliación do número de axudas concedidas este ano, que pasaron de catro a seis, e a incorporación das artes dixitais ao abano de disciplinas xa cubertas (música, deseño, artes escénicas e artes visuais). Así mesmo, explicou que a  Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina a cada proxecto unha axuda de 8.000 euros, e o financiamento total do programa supera os 62.000 euros de investimento.

Creación escénica e vangarda sonora

Na categoría de artes escénicas o xurado profesional escolleu os proxectos Aburrimento, de Marta Alonso Tejada e Dream On, de Antuán Rivas. No primeiro, a bailarina, actriz e directora escénica ourensá desenvolverá un laboratorio de elementos escénicos interactivos dirixidos a nenas e nenos, ás súas familias e a futuros docentes, abrindo unha vía de exploración compartida entre arte e educación. Cordas, tecidos, poleas e sensores darán forma a escenografías efémeras que serán testadas polo público infantil e familiar en diferentes sesións de xogo libre e guiado.

O actor de dobraxe compostelán Antúan Rivas aproveitará a súa residencia no Gaiás para dar forma á súa ópera prima no ámbito teatral. Titulada Dream On, a peza contará cun forte compoñente audiovisual e concíbese como unha crítica á nostalxia dun pasado que, segundo o autor, parece omnipresente no discurso mediático actual e nas redes sociais.

Na nova categoría de artes dixitais, levarase a cabo un proxecto que une neurociencia e creación musical. Cerebral 4.0, de Alberto Castaño, explora as posibilidades de controlar de maneira consciente instrumentos musicais virtuais empregando tan só as ondas cerebrais. Un dispositivo EEG (electroencefalografía) conectado a software permitirá a este enxeñeiro de son e músico coruñés compoñer, interpretar e manipular sons e imaxes con precisión e vontade artística.

Cidade sonora é o nome da proposta do músico e antropólogo asturiano Andrés Rodríguez Monteavaro e o fotógrafo e realizador de Ourense Iván Nespereira para crear un arquivo sonoro e visual da Cidade da Cultura. A captación minuciosa de son e imaxe e a composición dunha peza de música vangardista ofrecerán unha nova forma de representar e vivir a contorna do Gaiás que revelará conexións singulares entre os materiais, a arquitectura e os suxeitos que a habitan.

A cerámica, protagonista

A valenciana Mar Ramón Soriano investigará as relacións culturais, económicas e tamén emocionais entre Galicia e o Reino Unido a comezos do século XX para dar forma a un atlas escultórico no que a cerámica terá unha presencia especial. Os fondos da Biblioteca de Galicia, a literatura de viaxes escrita por mulleres da época e tamén a documentación que dá conta das influencias da porcelana inglesa no desenvolvemento da cerámica de Sargadelos, entre outras, serán as fontes desta investigación artística.

Finalmente, Loaira Pérez realizará o seu proxecto Azulexería na categoría de deseño. Desde o seu estudo Raposiñas na Pobra do Caramiñal ata a Cidade da Cultura, a artista buscará a inspiración para experimentar coa creación dunha serie de murais de azulexos cerámicos volumétricos e coas relacións entre arte culta e popular, neste caso entre pintura e cerámica.

Comparte