Nova: López Campos anuncia que a Xunta xa está avaliando no terreo a afectación dos incendios forestais no patrimonio cultural

10/09/2025
López Campos anuncia que a Xunta xa está avaliando no terreo a afectación dos incendios forestais no patrimonio cultural
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude asegura que xa se teñen identificados os primeiros danos e que agora continuarase cunha análise “polo miúdo” para contar cunha “fotografía precisa”
Avanza actuacións inmediatas de cara a evitar “posibles riscos ou máis danos” nos bens implicados, ás que lle seguirán as encamiñadas “á restauración e recuperación”
Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou hoxe no Parlamento que técnicos da Xunta están avaliando xa no terreo a afectación no patrimonio cultural dos incendios forestais rexistrados o pasado mes de agosto en Galicia. “Xa están identificados os primeiros danos e todas as zonas afectadas polos lumes da Comunidade serán visitadas co obxecto de poder facer unha diagnose polo miúdo de cada un dos bens”, aseverou en resposta a unha pregunta no pleno da Cámara galega.
Neste senso, o titular de Cultura do Goberno galego aclarou que “a prioridade da Xunta, como non podía ser doutro xeito, centrouse nos primeiros momentos nos labores de extinción e na protección das persoas, das súas pertenzas e do patrimonio cultural”. Ao respecto, tirou proveito para agradecer e pór en valor o “bo traballo dos equipos de extinción que, cunhas condicións nada favorables, traballaron arreo para salvar con éxito todo tipo de bens”.
Por estes motivos, López Campos precisou que, unha vez que se fixo fronte a esta situación, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude “xa se puxo a traballar”. Deste xeito, asegurou que técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural “xa comezaron a desprazarse aos lugares afectados, a sinalizar bens patrimoniais danados e adoptar as medidas necesarias”.
Ao respecto, apuntou que o obxectivo é que os técnicos da consellería percorran todo o territorio da Comunidade afectado polos lumes co ánimo de contar cunha “diagnose fiable e rigorosa” que permita ter coñecemento dunha “fotografía precisa”. Estes traballos, segundo explicou, son o “primeiro paso de cara a tomar as decisións axeitadas”.
Nesta liña, avanzou que a estratexia da consellería será pór en marcha actuacións inmediatas “encamiñadas a evitar posibles riscos ou máis danos nos bens afectados” ante a posible chegada das choivas de outono, ás que lle seguirán, segundo adiantou, as intervencións necesarias encamiñadas para súa “plena restauración e recuperación do patrimonio danado”. “Agora o que toca, en todo caso, é coñecer plenamente o alcance por pequenos que sexan ou por illados que se atopen”, incidiu para concluír.