Nova: A Xunta colabora na exposición sobre Maruja Mallo no Museo Reina Sofía de Madrid

09/09/2025

A Xunta colabora na exposición sobre Maruja Mallo no Museo Reina Sofía de Madrid

O Goberno galego patrocinará o deseño e elaboración dunha alfombra dedicada á pintora galega realizada pola entidade de Bueu

A creación estará presente na inauguración da mostra ‘Maruja Mallo. Máscara y compás’, o vindeiro 7 de outubro en Madrid

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude remarcou a importancia de iniciativas “que espallen a nosa cultura e poñan en valor o traballo dos nosos artesáns”

Bueu (Pontevedra), 9 de setembro de 2025

A Xunta de Galicia patrocinará o deseño e elaboración dunha alfombra dedicada a Maruja Mallo con motivo da exposición Maruja Mallo. Máscara y compás que acollerá o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid. Así o anunciou o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, despois da xuntanza coa Asociación Cultural Cunchas e Flores de Bueu, entidade responsable da creación.

Tras este encontro, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou a “relevancia de iniciativas que espallen a nosa cultura e o fagan, ademais, poñendo en valor o traballo dos nosos artesáns”. Neste senso, precisa que a alfombra, cunha superficie prevista de 12 x 2 metros, quedará instalada na zona de acceso do museo a partir do acto de apertura da mostra que terá lugar o vindeiro 7 de outubro en Madrid. Nesta liña, Anxo M. Lorenzo gabou o labor da asociación na promoción e difusión do alfombrismo non só como unha tradición, senón tamén como unha manifestación artística que forma parte “da identidade e o patrimonio inmaterial de Galicia”.

Cómpre lembrar que Maruja Mallo, unha das principais figuras da Xeración do 27, debuxou o seu Caderno de Galicia, que foi a base da súa obra posterior durante a súa estadía na vila de Bueu no verán de 1936. Nesta mostra, que supón a maior retrospectiva realizada ata a data dunha das artistas máis innovadoras da vangarda, reúnense así 90 obras entre as que se atopan pinturas, debuxos, escritos, documentos e vídeos  dándolle continuidade ao proxecto expositivo que se puido visitar ata o 14 de setembro no centro Botín de Santander.

Comparte