Nova: A Xunta fomenta o coidado do patrimonio cultural na xuventude a través da programación estival ‘Modo verán activo’

08/09/2025
A Xunta fomenta o coidado do patrimonio cultural na xuventude a través da programación estival ‘Modo verán activo’
Como novidade este ano, inclúese a experiencia no xacemento das Torres, onde poden colaborar con tarefas divulgativas de catalogación e documentación
A iniciativa está enmarcada na campaña de verán do Goberno galego, que este ano desfrutan 11.630 rapaces e rapazas en toda Galicia
Os representantes da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude coincidiron na importancia de que a mocidade “estea orgullosa e comprometida co noso patrimonio para garantir a súa conservación ao longo dos anos”
Tomiño (Pontevedra), 8 de setembro de 2025
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, e o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, visitaron hoxe á mocidade participante no campo de voluntariado do xacemento das Torres, en Tomiño, unha das iniciativas que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude incorporou este ano á programación estival Modo verán activo e en cuxa modalidade participan preto de 600 mozos e mozas en toda Galicia.
Na súa visita, os representantes do Goberno galego puxeron en valor a necesidade de fomentar o coidado do patrimonio cultural entre a xuventude. “En Galicia temos a sorte de contar cun rico e variado legado e é importante que a nosa mocidade estea orgullosa e comprometida con el para garantir a súa conservación ao longo dos anos”, sinalaron. Neste senso, explicaron que durante a súa estadía os participantes no voluntariado poderán colaborar con tarefas divulgativas de catalogación e documentación.
Así mesmo, tamén poderán participar en actividades educativas sobre a arqueoloxía e patrimonio deste espazo, na recollida de toponimia relacionada con esta fortaleza, obradoiros, rutas ou visitas a outras fortificacións e lugares de interese patrimonial.
A cifra de participantes nos campos de voluntariado está incluída nas 11.630 prazas que a Xunta ofrece na súa programación estival deste 2025, sendo a maior oferta da súa historia, e que abrangue tamén campamentos, os minicampamentos Coñece Galicia, actividades para maiores de 18 anos ou a posta a disposición das instalacións xuvenís xestionadas pola Administración autonómica para o seu uso.