Nova: López Campos salienta o papel das romarías para reforzar a cultura e o patrimonio popular de Galicia

08/09/2025

López Campos salienta o papel das romarías para reforzar a cultura e o patrimonio popular de Galicia

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude participa no Día Grande dos Milagres, no Santuario de Baños de Molgas, declarado monumento histórico-artístico nacional

Destaca o compromiso da Xunta de preservar celebracións tradicionais que “tamén poñen no centro e difunden entre a poboación os ben senlleiros que as acollen”

Baños de Molgas (Ourense), 8 de setembro de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe na misa solemne e procesión do Día Grande da Romaría de Nosa Señora dos Milagres, no Santuario de Baños de Molgas, declarado monumento histórico artístico nacional, e unha das celebracións máis concorridas e que maior fervor esperta en Galicia.

O titular de Cultura do Goberno galego, acompañado por centos de veciños e veciñas, fixo fincapé na importancia das romarías para “reforzar a cultura e o patrimonio popular de Galicia”, xa que incidiu “no gran valor que atesouran os rituais, costumes e  tradicións que as acompañan, tal e como acontece na de Baños de Molgas”. Neste senso, fixo referencia ao coñecido como Rosario dos Fachos ou a multitudinaria procesión de 30 quilómetros, que se celebra nas vésperas do Día Grande coa participación da mocidade.

Por estes motivos, incidiu en que estas citas “ademais de manter vivo nas novas xeracións o valioso legado do noso patrimonio inmaterial, tamén fornecen o sentimento de comunidade e pertenza identitaria en lugares tan especiais como son tanto o cumio do monte Medo, como o propio santuario”.

Ao respecto, López Campos destacou o compromiso da Xunta de Galicia por preservar e manter estas celebracións populares “que serven para poñer no centro e dar protagonismo entre a poboación os bens tan senlleiros que as acollen, como o impresionante santuario, coñecido e recoñecido pola beleza da súa fachada”, concluíu.

Comparte