Nova: López Campos enxalza a Festa da Vendima do Saviñao “polo seu valor cultural e gastronómico”

07/09/2025

López Campos enxalza a Festa da Vendima do Saviñao “polo seu valor cultural e gastronómico”

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude é nomeado Cabaleiro da Orde do Mencía na cuarta edición desta celebración nun ano, dixo, “especialmente importante para acadar o recoñecemento da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial”

A Consellería do Medio Rural conta cun programa de actividades a través de Experiencias de Calidade, no que se inclúen catas e degustacións dos viños da DO Ribeira Sacra e da IXP Ternera Gallega

O Saviñao (Lugo), 7 de setembro de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe na inauguración da IV Festa da Vendima do Saviñao, en Lugo, onde agradeceu ser nomeado Cabaleiro da Orde do Mencía “nun ano especialmente importante para a Ribeira Sacra, no que estivemos traballando a prol da mellor candidatura para acadar o seu recoñecemento como Patrimonio Mundial”.

Neste senso, o representante da Xunta destacou este acontecemento “pola súa posta en valor da tradición, a cultura e a gastronomía da zona”, enxalzando un programa festivo que é “toda unha exaltación da vendima, da Denominación de Orixe da Ribeira Sacra, da artesanía e do folclore local”. En definitiva, puntualizou, “unha forma de celebrar a historia e a identidade dun pobo a través dos seus espazos naturais e produtivos, e do bo facer da súa xente”.

López Campos recibiu a distinción xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; a directora territorial de Medio Rural, Mª Olga Iglesias, e a xefa da área provincial de Turismo de Lugo, Paloma Vázquez. Ademais, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, foi o encargado de dar o pregón desta nova edición da Festa da Vendima do Saviñao.

Nesta edición, que se celebra nunha contorna natural como é a Devesa de Escairón, participan sete adegas ao redor das que se poderá gozar de experiencias que van desde catas de viños e degustacións gastronómicas ata espectáculos musicais tradicionais e vangarda.

Promoción dos produtos agroalimentarios con selo de calidade

Nesta IV Festa da Vendima, a Consellería do Medio Rural promove unha programación de actividades enmarcada nas Experiencias de Calidade da Axencia Galega da Calidade Alimentaria. Ao longo do sábado, os asistentes puideron participar en catas e degustación de produtos agroalimentarios amparados por selos de calidade diferenciada, ao igual que poderán facer na xornada de hoxe.

Esta actividade serve para promocionar e dar a coñecer entre os asistentes os viños das Denominación de Orixe Ribeira Sacra, entre eles os premiados nas Catas de Galicia de 2024; así como a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega.

Así mesmo, a Fundación Artesanía de Galicia colabora por segundo ano consecutivo co evento a través de tres obradoiros gratuítos e abertos a todos os públicos durante toda a fin de semana. En concreto, en horario de 12,00 a 14,00 e de 16,00 a 20,00 horas, o ceramista Carlos San Claudio impartirá un taller de iniciación ao torno cerámico, mentres María José Martínez e José Antonio Carrera, de Peixesapop (Vigo), encargaranse dun obradoiro de gyotaku (técnica de estampaxe tradicional xaponesa) e doutro de cianotipias, un procedemento fotográfico no que se emprega papel de acuarela e produtos químicos sensibles á luz que se expoñen directamente ao sol para obter imaxes en azul prusian.

Comparte