Nova: López Campos salienta a aposta do FIOT de Carballo pola produción escénica galega nunha edición sobre a busca da raíz

04/09/2025
López Campos salienta a aposta do FIOT de Carballo pola produción escénica galega nunha edición sobre a busca da raíz
A Xunta volve cofinanciar o certame carballés a través das subvencións a festivais de artes escénicas, liña que este ano destina 280.000 euros a 12 certames
A mostra, que terá lugar do 25 de setembro ao 31 de outubro en diferentes espazos da localidade, ofrece 45 propostas en cartel, con 11 estreas absolutas de espectáculos galegos e outras 11 en Galicia
O festival súmase ao Centro Dramático Galego como entidades coprodutoras das pezas ‘Territorio regueifa’, de Ainé Producións, e ‘Berenguela na gaiola’, de Galeatro e Xarope Tulú
Carballo (A Coruña), 4 de setembro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe na presentación da 34ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo, que se celebrará do 25 de setembro ao 31 de outubro con 45 propostas en cartel, das que 11 son estreas absolutas de espectáculos galegos e outras 11 poderán verse por primeira vez en Galicia. A Xunta cofinancia un ano máis a cita carballesa cunha subvención de preto de 50.000 euros a través da convocatoria de subvencións para festivais de artes escénicas, que neste exercicio distribúe 280.000 euros entre 12 eventos.
O conselleiro felicitou a Asociación Cultural Telón Aparte e ao Concello de Carballo, organizadores do certame, pola calidade da programación de 2025, da que destacou a aposta por “impulsar a produción escénica con selo galego”. Neste sentido, o FIOT comparte obxectivos coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través do Centro Dramático Galego, como entidades coprodutoras de dous dos espectáculos que se estrean no festival: Berenguela na gaiola, a partir da obra de Manuel María, que porán en escena Galeatro e Xarope Tulú; e Territorio regueifa, de Ainé Producións.
Para o titular de Cultura do Goberno galego, “esta cita anual supón un importante escaparate para lle achegar ao público destacadas estreas do teatro galego” tanto de compañías xa consolidadas, como da creación emerxente que xunta o Certame Micro-Escenas M².
Festexar a tradición
López Campos referiuse tamén ao lema deste ano, Raíz viva, memoria colectiva, que cualificou de “moi acaído” tendo en conta que neste 2025 “festexamos o que somos lembrando a nosa tradición, a nosa memoria e a quen o fixo posible” con celebracións como a do Ano Castelao ou a das Letras Galegas, dedicadas ás cantareiras.
Os directores da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, asistiron tamén a esta presentación, na que interviñeron así mesmo os representantes doutras entidades implicadas na organización do festival carballés, que este outono volverá encher de artes escénicas o Pazo de Cultura, a praza do Concello e outros espazos non convencionais.
Na programación, que combina diferentes linguaxes artísticas, destaca igualmente a presenza en Carballo de coñecidos nomes da escena estatal, como María Galiana, Sergio Peris-Mencheta e Juan Diego Botto, Lucas Escobedo ou Andrea Jiménez, xunto a compañías e figuras clave do noso teatro como Contraproducións, Pistacatro, Paula Carballeira ou Evaristo Calvo.
Apertura do programa de sala
A apertura do programa de sala os días 3 e 4 de outubro correspóndelle á estrea da devandita coprodución Territorio regueifa, en consonancia tamén co lema deste ano. Carballo e a comarca de Bergantiños son recoñecidas pola riqueza do seu patrimonio oral e, con esta proposta escénica, o festival procura trasladar a esencia da regueifa aos códigos do público actual.
Esta 34ª edición inclúe 11 estreas absolutas de produción galega: ademais de Territorio regueifa e Berenguela na gaiola, verán a luz no marco da Rúa dos Contos os mónologos A xira do cuarto de século. Aventura 2012, de Pepo Suevos; Da vara e mais da besta, de Lois Pérez; Contadiña, de Marita Martínez, e Dous ollos de vidro, de Quico Cadaval e Celso Sanmartín, así como as cinco pezas de microteatro do Certame Micro-Escenas M².
Así mesmo, o festival trae por vez primeira a Galicia 11 espectáculos: Adolescencia infinita, de Pont Flotant; Farra, de Cía. Lucas Escobedo e Compañía Nacional de Teatro Clásico; Yo solo quiero irme a Francia, de Contraproducións; Vulcano, de Centro Dramático Nacional, Cassandra Projectes Artístics e Andrea Jiménez; Empaque, de Chicharrón Circo Flamenco; Masa madre, de Cia Caí; Welcome & Sorry, de GANSO & Cia; Atroz, de Darío Mares, e Palabras mayores, de Alex O’Dogherty. Ademais, o cartel inclúe dúas producións internacionais: Medida por medida (La culpa es tuya), do arxentino Gabriel Chamé Buendia, e Un sublime error, da compañía belga Needcompany.
Pola súa banda, Camiño Escena Norte, programa de intercambio entre Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Navarra e A Rioxa e que conta tamén co apoio da Xunta, volveu elixir o FIOT como representante galego na súa iniciativa Vieiros para a proxección exterior dun proxecto cultural por comunidade. Da man deste circuíto, chegará a Carballo Pausa, unha proposta de teatro de rúa da compañía vasca niMÚ.