Nova: López Campos pon en valor a Orquestra Sinfónica como “referente da música de alto nivel en Galicia e España”

02/09/2025

López Campos pon en valor a Orquestra Sinfónica como “referente da música de alto nivel en Galicia e España”

A formación ofrece 33 concertos no seu programa de abono no Palacio da Ópera da Coruña, ademais de actuacións noutros puntos da Comunidade e fóra dela

Resalta “a pegada que deixa da nosa riqueza musical” e recoñece “a súa implicación coa sociedade con propostas didácticas”

A Coruña, 2 de setembro de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na Coruña na presentación da tempada de abono 2025-2026 da Orquestra Sinfónica de Galicia, que programa entre outubro e xuño 33 actuacións no Palacio da Ópera da cidade herculina.

Así, o representante da Xunta destacou a “completa programación” da agrupación musical que unha tempada máis “sitúa A Coruña e Galicia como un referente para gozar de música de alto nivel”, engadindo que se trata dunha formación que “aporta calidade e valor á cultura musical na Comunidade”. Neste senso, destacou que o apoio do Goberno autonómico ao desenvolvemento da proposta a través das achegas ao Consorcio para a Promoción da Música da Coruña medrou un 25% nos últimos anos, ata os 3,3M€.

Ademais, o responsable de Cultura do Executivo galego gabou o papel da Orquestra Sinfónica “ao estar presente noutros ciclos dentro e fóra de Galicia nos que deixa pegada da nosa riqueza musical”. Fixo referencia deste xeito aos concertos que ofrece en Santiago de Compostela, Lugo, Ferrol, Vigo, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Ourense, así como á súa participación prevista no Festival Musika Música de Bilbao e á xira por sete cidades do Reino Unido. Quixo tamén recoñecer a súa “implicación coa sociedade, con propostas didácticas máis alá dos concertos” abrindo os ensaios a estudantes e impulsando programas con impacto educativo.

Así mesmo, desexoulle moito éxito na súa participación nas dúas representacións da ópera Carmen que terán lugar o venres e domingo no marco da programación da Asociación de Amigos da Ópera da Coruña, unha iniciativa coa que tamén colabora a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Dirección de recoñecido prestixio

A nova tempada de abono inclúe catro programas co titular da Orquestra Sinfónica, Roberto González-Monjas, o regreso de Dima Slobodeniouk con dous programas e a presenza do seu director honorario, Víctor Pablo Pérez, e do asociado, José Trigueros. Ademais, súmanselle tres directoras de recoñecido prestixio a nivel internacional: Ana María Patiño, directora titular da Filarmónica de Medellín; Eva Ollikainen, directora titular de la Orquesta Sinfónica de Islandia, e Delyana Lazarova, principal directora convidada da BBC Scottish Symphony Orchestra.

Cómpre destacar, ademais, as actuacións da Orquestra Xove e das agrupacións corais da entidade, así como as da Real Filharmonía de Galicia ou da Orquestra Sinfónica de Castela e León.

Comparte