Nova: A Xunta destina 50.000 € a colaborar con intervencións arqueolóxicas promovidas por particulares

25/08/2025
A Xunta destina 50.000 € a colaborar con intervencións arqueolóxicas promovidas por particulares
O prazo para solicitudes ábrese o 29 de agosto e remata o 30 de setembro de 2025
As actuacións deberán estar autorizadas desde o ano 2021 en diante e finalizadas na data de publicación da orde
Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2025
A Xunta destina 50.000 euros a colaborar no financiamento de intervencións arqueolóxicas promovidas por particulares. O prazo de solicitudes da convocatoria, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, ábrese o 29 de agosto e remata o 30 de setembro e deben presentarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Estes apoios van dirixidos a apoiar a particulares que promovan actuacións que afecten a monumentos, conxuntos históricos, zonas arqueolóxicas ou xacementos declarados de interese cultural ou catalogados. As partidas irán destinadas a aqueles casos nos que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude determine a necesidade de colaboración no financiamento do custo da execución do proxecto arqueolóxico, que debe ser realizado de acordo cos requisitos establecidos na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia.
Entre os requisitos establecidos atópanse que as actuacións arqueolóxicas estean autorizadas desde o ano 2021 en diante e estean finalizadas na data de publicación da orde. De igual xeito, as actuacións debéronse ter desenvolvidas conforme aos proxectos arqueolóxicos presentados, ao tempo que deben cumprir as obrigas de responsabilidade da dirección de acordo co establecido no Decreto 199/1997, que regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia.
As axudas consistirán nunha subvención que se percibirá unha soa vez por persoa e obra. En canto ás aportacións, poderán ser do 50 % dos custos da execución do proxecto arqueolóxico autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, co límite de 20.000 euros, no caso de que se acredite a presentación e a entrega das correspondentes memorias técnicas e da acta de depósito dos materiais.
Ademais, no caso de que a actuación realizada xa fose subvencionada en anteriores convocatorias, a porcentaxe de axuda será do 30%, co límite de 12.000 euros e do 20% dos custos, cun límite de 8.000 euros, cando se teña entregado o informe valorativo.