Nova: Anxo M. Lorenzo celebra o impulso da lectura a través do milleiro de propostas nas 13 feiras do libro

20/08/2025
Anxo M. Lorenzo celebra o impulso da lectura a través do milleiro de propostas nas 13 feiras do libro
O director xeral de Cultura participa na inauguración da cita en Monforte, a última deste ciclo, que se impulsa en colaboración coa Federación de Librarías de Galicia
A rúa do Cardeal acollerá ata o sábado 23 de agosto espectáculos, presentacións, sinaturas de libros, recitais poéticos e contacontos, entre máis de 40 iniciativas
Estas actividades forman parte da campaña de verán da Xunta de Galicia ‘Para gustos, cultura’
Monforte (Lugo), 20 de agosto de 2025
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración da Feira do Libro de Monforte, a última parada do circuíto impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Federación de Librarías de Galicia, e que se estenderá ata o sábado 23 de agosto na rúa do Cardeal. Alí, destacou o papel fundamental que desempeñan o preto do milleiro de propostas que se están a desenvolver nestas 13 citas co libro de cara ao impulso e dinamización da lectura, así como a achega desta para todos os públicos e idades cunha morea de actividades diversas.
O representante da Xunta de Galicia puxo en valor “estas iniciativas, que axudan ao descubrimento de novas experiencias arredor da lectura, ao tempo que enchen as vilas e as cidades de propostas culturais diversas e para toda a poboación”. Así mesmo, Anxo M. Lorenzo agradeceu e salientou o traballo dos axentes implicados na organización da feira que contará cunha programación ampla e variada de 6 librerías participantes e máis de 40 actividades, entre as que se inclúen as sinaturas de libros de preto de 30 autores, presentacións, espectáculos infantís, recitais poéticos e obras de teatro para toda a familia.
Baixo o lema Onde florecen os libros, esta feira foi inaugurada coa lectura do pregón a cargo da escritora Estefanía Padullés, e permanecerá aberta ao público ata o sábado 23 de agosto, en horario de 11,00 a 14,00 e de 19,00 a 22,00 horas.
Atrás quedan 12 feiras e por diante unha última oportunidade
Monforte é a última das 13 citas co libro e a lectura que terán os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias. Tras iniciar o percorrido en Ferrol e pasar xa por Santiago de Compostela, Lugo, O Porriño, Redondela, Ourense, Vigo, Ponteareas, Rianxo, A Coruña, Viveiro e Foz, a Feira do Libro chega agora a Monforte ata o 23 de agosto como última oportunidade para desfrutar deste circuíto.
As trece feiras do libro e as súas propostas, forman parte da campaña de estío Para gustos, cultura, unha iniciativa impulsada desde a Xunta de Galicia para encher o verán dunha oferta cultural diversa e de calidade que se desenvolverá en máis de 200 concellos de Galicia con máis de 3.400 actividades de 40 tipoloxías distintas.
Así mesmo, nestas 13 paradas das feiras participaron preto de 100 librarías, editoras e bibliotecas e realizáronse preto dun milleiro de iniciativas que serven para impulsar a lectura e achegala a todos os recunchos da sociedade, mostrando así o compromiso do Goberno galego por impulsar e dinamizar a cultura, facéndoa accesible a toda a poboación ao abeiro da Lei de cultura inclusiva de Galicia.