Nova: A Xunta apoia a formación musical da Banda Sinfónica Galega cunha residencia artística no Gaiás

18/08/2025
A Xunta apoia a formación musical da Banda Sinfónica Galega cunha residencia artística no Gaiás
A actividade, que se desenvolve desde hoxe e ata este venres, 22 de agosto, participan 72 músicos, acompañados do director David Fiúza e dos profesores Carmen Ferreiro Soto e Pablo Fernández Guzmán
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude incentiva a estadía formativa, que culminará cun concerto na praza da Cidade da Cultura, aberto ao público e de balde
O encontro está organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares, que integra arredor de 6.700 músicos de agrupacións de toda a Comunidade
Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2025
A Xunta de Galicia apoia un ano máis a formación dos músicos integrantes da Banda Sinfónica Galega e da Banda Sinfónica Xuvenil Galega cunha residencia artística na Cidade da Cultura. O encontro, que comeza hoxe, 18 de agosto, culminará o vindeiro venres, día 22, cun concerto no Gaiás, que se desenvolverá a partir das 19,30 horas, con entrada libre e de balde.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude impulsa este actividade baixo o nome Converxencias. Trátase da segunda edición desta residencia artística no Gaiás e, como novidade, inclúe tres espazos formativos diferenciados: un para a agrupación xuvenil e outro para os dous ensembles da Banda Sinfónica Galega —o ensemble de Metais, e o Harmoniemusik, que agrupa os instrumentos de madeira—. Os músicos residentes estarán acompañados do director David Fiúza, así como dos profesores Carmen Ferreiro Soto e Pablo Fernández Guzmán.
A residencia artística Converxencias pretende ser un espazo de intercambio e aprendizaxe a través do que incentivar a mellorar a formación nas distintas especialidades instrumentais. Así, promove o traballo artístico en pequenos formatos, permitindo aos músicos experimentar con novos repertorios e asumir unha maior responsabilidade interpretativa. Ofrece tamén formación especializada con clases maxistrais impartidas por mestres de recoñecido prestixio, que contribúan a mellorar a calidade técnica e artística dos participantes.
O encontro rematará o venres 22 de agosto cun concerto con entrada libre e de balde, tamén na Cidade da Cultura. Tratarase dun programa dobre que arrancará ás 19,30 horas coa actuación da Banda Sinfónica Xuvenil Galega na praza do Gaiás. A continuación, a partir das 20,30 horas, terá lugar no edificio CINC a actuación do ensemble de metais da Banda Sinfónica Galega e, por último, do ensemble Harmoniemusik.
Federación Galega de Bandas de Música Populares
O encontro, que tamén conta co apio da Deputación da Coruña, está organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares. Integrada por uns 6.700 músicos, dos cales máis do 70% son menores de 30 anos, trátase da única federación de bandas de ámbito autonómico que existe en Galicia.