Nova: A Feira do Libro chega a Viveiro con máis de 40 iniciativas que impulsan a dinamización da lectura

12/08/2025
A Feira do Libro chega a Viveiro con máis de 40 iniciativas que impulsan a dinamización da lectura
Trátase da décimo primeira parada do circuíto cultural impulsado pola Xunta de Galicia e a Federación de Librarías de Galicia
Os xardíns de Noriega Varela acollerán ata o venres 15 de agosto obradoiros, presentacións, sinaturas de libros, sesións de teatro infantís e máis actividades
Todas elas están inmersas na campaña de verán da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ‘Para gustos, cultura’
Viveiro (Lugo), 12 de agosto de 2025
O ciclo de Feiras do Libro chega a Viveiro, impulsado pola Xunta de Galicia e a Federación de Librarías de Galicia. O encontro, que supón a décimo primeira parada no percorrido por 13 localidades ata finais deste mes, prolongarase ata o mércores 15 de agosto nos xardíns de Noriega Varela.
A cita inaugurouse coa lectura do pregón a cargo da escritora Lucía C. Peña e do pregón infantil con Inés Ben Oroso. Tras isto deuse comezo á ampla programación na que se inclúen máis de 40 actividades culturais como presentacións, sinaturas de libros, obradoiros, conversas ou sesións de teatro infantís.
Baixo o lema Onde florecen os libros, esta feira permanecerá aberta ao público ata o venres 15 de agosto, de 12,00 a 14,00 horas e de 18,00 a 22,00 horas, con máis dunha vintena de autores e autoras e con 9 librarías e editoriais.
Dúas feiras por diante
Viveiro é a onceava das 13 citas co libro e a lectura que terán os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias. Tras iniciar o percorrido en Ferrol e pasar xa por Santiago de Compostela, Lugo, O Porriño, Redondela, Ourense, Vigo, Ponteareas, Rianxo e A Coruña, a Feira do Libro chega agora a Viveiro ata o 15 de agosto. As dúas Feiras do Libro que quedan son neste mesmo mes de agosto en Foz, do 16 ao 19, e, finalmente, en Monforte de Lemos, do 20 ao 23.
Esta feira, que pode visitarse nos xardíns de Noriega Varela, enmárcase dentro da campaña estival Para gustos, cultura, unha iniciativa impulsada desde a Xunta para encher o verán dunha oferta cultural diversa e de calidade que se desenvolverá en máis de 200 concellos de Galicia con máis de 3.400 actividades de 40 tipoloxías distintas.