Nova: Anxo M. Lorenzo destaca o Festival Groba como referencia para a música clásica e o impulso de novos talentos en Galicia

11/08/2025

Anxo M. Lorenzo destaca o Festival Groba como referencia para a música clásica e o impulso de novos talentos en Galicia

Esta cita homenaxea o legado do mestre ponteareán Rogelio Groba (1930-2022), un dos músicos e compositores máis distinguido do século XX

A iniciativa, enmarcada na campaña de verán da Xunta de Galicia ‘Para gustos, cultura’, celébrase entre o 17 e o 23 de agosto na localidade de Ponteareas

O director xeral de Cultura destaca o “amplo programa” con concertos, obradoiros, conferencias, clases maxistrais, presentacións e concursos de interpretación

Vigo, 11 de agosto de 2025

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da XIII edición do Festival Groba, celebrada en Vigo, onde recoñeceu e agradeceu o importante labor de difusión do legado do mestre Rogelio Groba que se fai nesta cita, a través dun amplo programa de actividades ao redor da música clásica.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude sinalou o compromiso por manter vivo o traballo do músico e compositor Rogelio Groba que “con máis de 720 obras publicadas foi un dos compositores galegos máis destacados do século XX”. Ademais, o director xeral de Cultura recoñeceu a relevancia desta iniciativa “por encher Ponteareas, vila natal do artista, de encontros, actividades e concertos de referencia para a música clásica”.

Neste senso, Anxo M. Lorenzo salientou a consolidación deste festival, enmarcado na ampla oferta de festivais culturais en Galicia que promove o Goberno galego baixo o lema da campaña de verán Para gustos, cultura, que leva trece anos atraendo a Ponteareas “importantes músicos do panorama nacional e internacional”. Do mesmo xeito, tamén destacou que se mostra como unha “plataforma para impulsar novos talentos e novas creacións contemporáneas nesta modalidade artística, ademais de dotar a cultura dun acceso universal”.

Oito concertos e variedade de actividades

O Festival Groba, que se celebra do 17 ao 23 de agosto en Ponteareas, conta cun abano variado de propostas, combinando excelencia artística, formación de novos talentos e accesibilidade para todos os públicos.

O Auditorio Municipal de Ponteareas e o Convento de Canedo acollen, desde o vindeiro domingo, 17 de agosto, máis de 30 artistas internacionais en 8 concertos diferentes que se celebran entre o domingo e o sábado, ás 21,00 horas, e o venres, ás 12,00 horas. Así, intérpretes como Zee Zee, Amaury Coeytaux, Veriko Tchumburidze, Henri Demarquette ou Luka Coetzee, entre outros, e a xa habitual orquestra residente, a Orquestra de Cámara Galega, ofrecerán concertos de balde e para todos os públicos na vila pontevedresa.

Comparte