Nova: A Xunta apoia o Festival Soasuarna, que se celebra o sábado 16 de agosto en Navia de Suarna

06/08/2025
A Xunta apoia o Festival Soasuarna, que se celebra o sábado 16 de agosto en Navia de Suarna
Navia de Suarna (Lugo), 6 de agosto de 2025
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación do Festival SoaSuarna, unha iniciativa cultural impulsada por dúas estudantes de Comunicación Audiovisual da Universidade da Coruña, Ximena Torrón e Lucía Castro, que conta co apoio da Xunta de Galicia.
SoaSuarna é un festival de música que aposta polos novos talentos galegos, con cinco concertos de artistas emerxentes que exploran xéneros como o folk contemporáneo, o pop rock, a música urbana ou a electrónica. O evento celebrarase o sábado 16 de agosto en Navia de Suarna, cun cartel no que figuran nomes como Ulex, Migui Bouzó, Abril, Jade4, Diego Flâneur e Ünder. O festival inclúe ademais outras actividades culturais previas, como obradoiros e concertos, e conta cun cartel deseñado polo artista lucense Miguel Anxo Macía.
Arias destacou que a Xunta apoia esta iniciativa porque contribúe á descentralización da oferta cultural, á dinamización social e económica da comarca dos Ancares e á promoción do turismo sostible. “Cremos na riqueza cultural da zona de Navia e apoiamos tanto novas propostas como as iniciativas que levan tempo funcionando, como compañías de teatro, cantareiras ou certames de poesía”, afirmou. Así mesmo, felicitou ás organizadoras por combinar creatividade, talento novo e compromiso co rural nun proxecto que tamén forma parte do seu traballo de fin de grao.