Nova: A Xunta inaugura a ampliación do Museo Massó tras un investimento de 1,4 M€ para erixilo nun referente de primeiro nivel do patrimonio mariñeiro de Galicia

29/07/2025

A Xunta inaugura a ampliación do Museo Massó tras un investimento de 1,4 M€ para erixilo nun referente de primeiro nivel do patrimonio mariñeiro de Galicia

López Campos salienta que a intervención incorpora as naves da antiga conserveira e dúas plantas da fábrica de salgadura Piñeiro, “co que se duplica o espazo expositivo”

Pon en valor a creación da Sala Lugrís, que exhibirá importantes fondos, como a serie de seis pinturas de gran formato que ocupan preto de 300 metros lineais

Destaca a mellora das condicións xerais do centro museístico no eido enerxético e medioambiental, na seguridade, na climatización e na accesibilidade

Bueu (Pontevedra), 29 de xullo de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou hoxe a ampliación do Museo Massó, tras investir o Goberno galego preto de 1,4 millóns de euros na restauración do último tramo das naves da conserveira, construída en 1883, e das dúas plantas do edificio da antiga fábrica salgadura Piñeiro “converténdoo, deste xeito, nun referente de primeiro nivel do patrimonio mariñeiro de Galicia”.

Na visita a estes novos espazos, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o titular de Cultura do Goberno galego salientou que, tras estas intervencións, “o museo gaña preto de 700m² novos de espazo expositivo, o que suporá duplicar a súa superficie actual”.

Neste senso, o conselleiro lembrou que todas estas edificacións quedaron abandonados desde que pechara a conserveira no ano 1992 e explicou que obxectivo principal da intervención foi, “por unha parte, mellorar as condicións xerais de uso do museo e, por outra, poñer en valor e incorporar espazos da antiga conserveira actualmente en desuso”.

Sala Lugrís

Precisamente, destacou que a dotación de novos espazos de uso museístico permite contar agora coa Sala Lugrís, que se integra na exposición permanente do museo e está situada na planta superior do edificio da fábrica de salgadura Piñeiro. Deste xeito, puxo en valor que esta nova sala permite mostrar ao público nun mesmo espazo fondos que, ata a actualidade, permanecían gardados. Entre eles, subliñou a serie de seis pinturas de gran formato realizadas nos anos 40 do pasado século para o comedor das traballadoras da conserveira “e que ocupan preto de 300 metros lineais”, remarcou.

Actuacións na fábrica de salgadura Piñeiro

O titular de Cultura da Xunta afondou nas intervencións na antiga fábrica de salgadura Piñeiro, na que se recuperou a estrutura tipolóxica orixinal deste edificio de dúas plantas, ao tempo que se mellorou a ventilación natural do espazo e se dotou de instalacións de climatización, electricidade e servizos de telecomunicacións.

Entre as melloras tamén figura a substitución dos piares de formigón por outros de pedra, a instalación de trabes e pontóns de castiñeiro e eucalipto e o cambio da cuberta de fibrocemento por outra acristalada. Ademais, na fachada cara a rúa Montero Ríos repúxose a estrutura de madeira da zona balconada e tratouse a fachada de pedra. “Procurouse, por tanto, recuperar o aspecto e os valores orixinais dos elementos singulares que se conservan nestas edificacións”, apuntou López Campos.

Tamén se actuou no eido medioambiental, con traballos para mellorar a eficiencia enerxética con fin de reducir os consumos enerxéticos, para o cal aplicáronse medidas de illamento térmico nas cubertas e fachadas e renováronse as instalacións de climatización e iluminación. A obra completouse con outras actuacións enfocadas á mellora das condicións de seguridade do edificio e de accesibilidade ao mesmo.

Naves da antiga conserveira

Por último, a intervención tamén supuxo actuacións na antiga conserveira, onde se fixo unha posta en valor da estrutura da cuberta das naves realizada con tesoiras de madeira de eucalipto e tesoiras mixtas de madeira de eucalipto e pino. Ademais, a obras de conservación e restauración afectaron a practicamente a totalidade das cubertas de uralita que foi substituída por tella e tamén foi illada para conseguir mellores condición de temperatura e humidade.

Comparte