Nova: A Xunta homenaxea a Rosalía de Castro coincidindo co día de Galicia cunha misa e unha ofrenda floral

25/07/2025
A Xunta homenaxea a Rosalía de Castro coincidindo co día de Galicia cunha misa e unha ofrenda floral
Santiago de Compostela, 25 de xullo de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu esta tarde ao dobre acto relixioso e cívico que cada 25 de xullo se celebra en Santiago en homenaxe a Rosalía de Castro.
Así, a Igrexa de San Domingos de Bonaval acolleu a tradicional misa que nesta data se oficia en lembranza dunha das figuras principais da cultura e da identidade galega. Posteriormente, as autoridades e os representantes das principais institucións culturais de Galicia, xunto cos demais asistentes, realizaron unha ofrenda floral no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres onde está enterrada a escritora, e na que este ano participaron tamén centros do exterior como unha Casa de Galicia de Brasil e outra de Miami.