Nova: López Campos anuncia a próxima sinatura dun convenio por importe de 240.000€ para equipar o Pazo da Cultura de Abegondo

23/07/2025
López Campos anuncia a próxima sinatura dun convenio por importe de 240.000€ para equipar o Pazo da Cultura de Abegondo
A través deste acordo co Concello, que se asinará previo visto e prace do Consello da Xunta, o Goberno galego achegará 200.000€ para dotar o espazo de mobiliario
Deste xeito, o centro, resultado da rehabilitación dunha vivenda colonial, contará co preciso para albergar un salón de actos e salas para accións relacionadas coa lectura
A axuda responde ao compromiso do Executivo galego coas Administracións locais no impulso de infraestruturas axeitadas para ofrecer actividades culturais
O titular autonómico de Cultura destaca este apoio como “fundamental para a posta en marcha de proxectos como este que supoñen un fito cultural para a veciñanza”
Abegondo (A Coruña), 23 de xullo de 2025
A Xunta de Galicia asinará proximamente un convenio co Concello de Abegondo, por un importe de 240.000€, para dotar do equipamento necesario o edificio colonial localizado na finca Os Loureiros, sometido a unha rehabilitación para converterse no Pazo da Cultura do municipio. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nunha visita realizada hoxe ao inmoble onde destacou “o compromiso coas administracións locais no impulso das infraestruturas máis axeitadas para ofrecer actividades culturais”.
Tal e como explicou o representante autonómico de Cultura, a través deste acordo, que se tratará previamente no vindeiro Consello da Xunta, o Goberno galego fará unha achega de 200.000€ para a instalación do mobiliario preciso para a implantación dun salón de actos e de espazos dedicados a accións relacionadas coa lectura.
Neste senso, López Campos destacou que o apoio da Xunta “é fundamental para pór en marcha proxectos como este que supoñen un gran fito cultural para a veciñanza”, engadindo que “ supón unha aposta tanto pola dinamización da cultura como pola posta en valor e aproveitamento do patrimonio e da súa contorna paisaxística”.
Fixo referencia así a unhas instalacións que se converterán nun gran centro cultural para a localidade, tras a restauración dun edificio con valor histórico que integrará diferentes equipamentos no mesmo lugar, proporcionando novos espazos de encontro e formación para a cidadanía á vez que revitaliza a zona. Deste xeito, o obxectivo coa recuperación desta finca para usos culturais é fomentar a participación activa da sociedade, de maneira que, apuntou López Campos, “se converta nun punto de referencia na contorna para albergar accións de lecer e formativas de calidade reforzando o sentido de comunidade e fortalecendo a identidade local a través da cultura”.
Dinamización cultural
Coa equipación do inmoble co material necesario darase un paso máis para o traslado da biblioteca municipal ao edificio da finca de Os Loureiros, converténdoa nun espazo de referencia para a lectura, a aprendizaxe e a dinamización cultural. A isto súmase a recuperación dun antigo salón de vodas, reconvertido nun salón de actos con capacidade para acoller un amplo abano de actividades.
A súa versatilidade permitirá a celebración de exposicións temporais en interiores, cursos de formación, encontros culturais, e eventos especialmente dedicados á terceira idade e á cativada. De forma complementaria, no proxecto contémplase a implantación de sistemas de realidade virtual.