Nova: A Xunta colaborará con 54 editoras na edición, distribución e comercialización de 436 publicacións

20/07/2025

A Xunta colaborará con 54 editoras na edición, distribución e comercialización de 436 publicacións

O Diario Oficial de Galicia publica a resolución das axudas convocadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dotadas con 250.000 euros

Os adxudicatarios recibirán ata 25.000€ e poden presentar un máximo de 15 obras para as subvencións

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2025

O Diario Oficial de Galicia acaba de emitir a resolución de axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para editar, distribuír e comercializar as publicacións editoriais galegas. Trátase dunha liña de subvencións a través da cal a Xunta de Galicia colaborará con 54 editoras con sede en Galicia para a publicación de 436 obras.

A través desta orde, o Goberno galego destina 250.000 euros para apoiar o sector editorial galego, ofrecendo un máximo de 25.000€ a cada entidade. As editoras, podían presentar un máximo de 15 obras cada unha cuns requisitos específicos que cumprir.

Neste senso, as publicacións incluídas na orde teñen que ser distribuídas entre o 1 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025 en librarías ou puntos de venda físicos, ademais de ser obras inéditas ou unha reimpresión dalgunha publicada hai máis de 15 anos, contar cun mínimo de 60  páxinas e unha tiraxe de 400 exemplares e ser editados en Galicia.

Con esta liña de axudas, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dá continuidade ao traballo posto en marcha coa aprobación, o ano pasado, da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, unha lei pioneira na Unión Europea e que garante o acceso á cultura de toda a sociedade con publicacións para todos os públicos e de diversos ámbitos.

Así, as 436 obras de 54 editoriais distintas abranguen diversas temáticas, idiomas e tipoloxías. Nestas axudas teñen cabida a poesía, a literatura infantil, as novelas, os ensaios e os diversos xéneros literarios en lingua galega e castelá. Títulos que van desde as viaxes ata a música, clásicos, persoeiros destacados e editoras xa recoñecidas como pode ser Kalandraka ou Galaxia, ou emerxentes como Boadicea son algunhas das entidades e publicacións dotadas con estas  subvencións que promove o Goberno galego.

Comparte