Nova: Arranca a nova programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios con 219 novas actuacións escénicas e musicais ata decembro en 40 concellos

17/07/2025

Arranca a nova programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios con 219 novas actuacións escénicas e musicais ata decembro en 40 concellos

O circuíto cofinanciado e coordinado pola Xunta achegaralle ao público durante este semestre 205 representacións de artes escénicas e 14 actuacións musicais

O concello de Noia abre a carteleira este sábado co espectáculo de circo ‘A queima da fachada’ e en xullo haberá outras tres citas para público familiar en Foz e Betanzos

Destacan as estreas dos vindeiros espectáculos de Sarabela Teatro, Redrum, Galeatro con Xarope Tulú ou Teatro do Noroeste

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2025

A Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de exhibición de espectáculos cofinanciado entre a Xunta e as entidades locais asociadas, ofrece de xullo a decembro en 40 concellos galegos un total de 219 novas representacións a cargo de 115 formacións artísticas. Por disciplinas, haberá 181 actuacións de teatro, 14 concertos, 13 funcións de danza, oito de maxia e tres de novo circo. Entre todas elas, 65 están destinadas especificamente a público infantil e familiar.

A programación deste segundo semestre arranca en Noia este sábado 19 de xullo co espectáculo de circo A queima da fachada, de Especialistas Hípica Celta. Será ás 22,30 h. na Alameda.

Ademais de Noia, Foz e Betanzos son as primeiras localidades en abrir a segunda parte desta extensa e variada carteleira de espectáculos que, nestes meses de verán se dirixe especialmente a todos os públicos. Así, neste mes de xullo en Foz terá lugar o concerto A Banda dos Insectos o martes 22 e a obra Monstros no camiño de Ghazafelhos o martes 29. En Betanzos a cita será o xoves 24 coa actuación musical Cantares e contares de Tres Pesos.

A actividade da Rede continúa en Foz os martes de agosto cos espectáculos Hoxe toca… maxia de Magia en la Manga (día 5), Cantaxoga de Migallas Teatro (día 12), A verdadeira historia dos tres porquiños e o lobo feroz de Teatro del Andamio (día 19) e Charlatán Rodríguez de Rendos Pequeño (día 26). En agosto tamén haberá concertos, en Redondela o día 2 actuarán The Teta’s Van e en Vilagarcía de Arousa Cristian Silva o domingo 17. Finalmente, o sábado 23 poderá verse en Cee O dragón de ouro de Sarabela Teatro.

Estas actividades do calendario estival combínanse con outros circuítos promovidos pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude como Cultura no Camiño ou Danza 3, e forman parte da campaña Para gustos, cultura,  coa que a Xunta de Galicia distribúe durante todo o verán máis de 3400 citas de todos os ámbitos artísticos en máis de 200 concellos das catro provincias.

Novidades escénicas e variedade de propostas

A Rede Galega de Teatros e Auditorios tamén acollerá neste segundo semestre varias estreas. En Ourense, Sarabela Teatro presentará A Metamorfose o 5 de setembro e Redrum Teatro Nas nubes o 15 de novembro. Galeatro e Xarope Tulú estrearán o espectáculo infantil Berenguela na gaiola o 27 de setembro en Carballo, en tanto que Teatro do Noroeste inaugurará Manual de patronaxe o 12 de decembro en Narón.

Entre as compañías con más actividade na programación teatral da Rede destacan Un deus salvaxe, de Talía Teatro, e Esas cousas marabillosas, de Empatía Teatro, con seis funcións cada unha; Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, con cinco pases; Guerra, de Teatro do Noroeste, con cinco representacións, e Go Home, de Etiqueta Negra Producciones, e As gardiás, de Teatro de Ningures, con cadanseus catro pases. Ademais, Contraproducións estrea en Galicia o 25 de outubro, no marco do FIOT de Carballo, o espectáculo Yo solo quiero irme a Francia, cun elenco formado por María Galiana, Nieves de Medina, Ledicia Sola e Alicia Armenteros.

En canto a espectáculos teatrais dirixidos a público infantil e familiar, figuran cinco pases de Os contos do Lobicán, de Redrum Teatro; Bulebule, de Os Náufragos Teatro con catro funcións, ou a compañía Ghazafelhos con Ándale! Bon appétit! e Monstros no camiño, con dous pases cada un.

No apartado de danza, están programadas tres funcións de Coa cabeza nas nubes, un espectáculo de Cía. SÖA que tamén mestura clown e teatro físico. Esta proposta, especialmente dirixido para público infantil, poderá verse o 1 de novembro en Muros, o 2 en Lugo e o 7 en Cedeira. Tamén ofrecerá tres funcións Nova Galega de Danza, que estará con Dique, en coprodución co Centro Coreográfico Galego, o 11 de setembro en Ourense e o 31 de outubro en Lugo, e con Credo, o 18 de outubro na Coruña.

Todo o ano e 560 funcións

Durante este 2025, a Rede Galega de Teatros e Auditorios conta cun orzamento de máis de 2M € e, ao remate do ano, terá desenvolvido 560 funcións de artes escénicas e musicais de 198 formacións en 43 concellos das catro provincias galegas.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, dispón para este ano un orzamento de preto de 1 M€ destinado integramente á contratación de formacións artísticas profesionais de teatro, música, danza, circo e maxia, galegas na súa meirande parte.

Comparte