Nova: A aclamada artista portuguesa Ana Lua Caiano e a banda chilena Calle Mambo actúan esta semana en ‘Atardecer no Gaiás’

09/07/2025

A aclamada artista portuguesa Ana Lua Caiano e a banda chilena Calle Mambo actúan esta semana en ‘Atardecer no Gaiás’

O xoves actuará a cantante lisboeta, galardoada nos Premios da Música de Portugal pola súa innovadora fusión de folclore e vangarda sonora

Desde Chile, Calle Mambo proporá o venres unha viaxe pola diversidade das músicas de América Latina, mesturando instrumentos tradicionais con ritmos de hoxe

Os concertos serán ás 21,00 horas na Praza central da Cidade da Cultura con entrada libre e gratuíta

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2025

Os artistas internacionais Ana Lua Caiano e Calle Mambo subirán esta semana ao escenario de Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos ao aire libre e gratuítos que programa a Xunta de Galicia na Cidade da Cultura. Este xoves, a cantante e produtora lisboeta traerá a súa innovadora fusión de folclore portugués e música electrónica, pola que foi recoñecida como unha das artistas revelación no país veciño e levou tamén o galardón da crítica nos Premios da Música Portuguesa 2025 co seu álbum debut, Vou ficar neste quadrado.

Ana Lua Caiano consegue transportar ao mundo moderno o patrimonio da música tradicional portuguesa, combinando os sons do pasado e do cotián con sintetizadores e con letras poéticas que conectan fondamente coa audiencia. O público galego poderá gozar do seu estilo cativador o 10 de xullo, a partir das 21,00 horas.

Ao día seguinte, á mesma hora, tocarán na Praza central da Cidade da Cultura os chilenos Calle Mambo, unha agrupación que tamén parte do folclore para combinalo con beats e ritmos urbanos, mostrando a riqueza e diversidade das músicas de América Latina. Ata dez instrumentos tradicionais como a frauta de pan, a quena, o charango, ou o roncoco, entre outros, escoitaranse na ecléctica viaxe que propón a banda para bailar en Atardecer no Gaiás.

Programación de xullo

En total, o ciclo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude inclúe este verán 11 datas e 16 artistas de estilos diversos, os xoves e venres ata o 21 de agosto. As citas para este mes de xullo continúan o día 17 co Atardecer Fest, unha xornada dedicada en exclusiva á música urbana, que protagonizarán tres voces destacas do rap actual: o vigués Dirty Suc, a malagueña Faenna e Al Safir desde Madrid.

O venres 18 de xullo será a quenda de Lua de Santana, artista galega de raíces brasileiras que mestura pop, música club e soul en temas idóneos para bailar. O último concerto o de Mocho Gris, o xoves 31. Este dúo galego-portugués expande os límites sonoros do pop incluíndo elementos do jazz e do tradi galego nas súas composicións.

Atardecer no Gaiás, que volve contar en 2025 co patrocinio de Cervezas Alhambra, encádrase na campaña Para gustos, cultura, promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para levar máis de 3.400 actividades de 40 tipoloxías diferentes por toda Galicia ao longo do verán.

Comparte