Nova: A Xunta convoca os Premios da Cultura Galega 2025

08/07/2025
A Xunta convoca os Premios da Cultura Galega 2025
Os galardóns recoñecen o labor creativo e a expansión a novos espazos nos ámbitos das Letras, Artes Visuais, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior
As institucións e entidades culturais ou profesionais relacionadas con cada categoría contan con dous meses de prazo para enviar as súas candidaturas
Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2025
A Xunta de Galicia convoca os Premios da Cultura Galega 2025, certame que recoñece o labor creativo e a súa expansión nos novos espazos actuais desde a súa primeira edición, en setembro de 2010.
As oito modalidades convocadas son as de Letras, Artes Visuais, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior. As institucións e entidades culturais ou profesionais relacionadas con cada unha delas dispoñen de dous meses para entregar as candidaturas, tal e como se recolle no Diario Oficial de Galicia. Deste xeito, as solicitudes deberán ser presentadas ata o 9 de setembro por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Precísase engadir a maiores os méritos das candidaturas acompañados dunha xustificación de entre 15 e 20 liñas.
O xurado, presidido polo Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, estará composto ademais por un máximo de 10 vogais representantes do Consello da Cultura Galega, da Universidade de Santiago de Compostela, da Real Academia Galega, da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, das áreas de Promoción de Igualdade e Cultura da Xunta de Galicia e de catro persoas de recoñecido prestixio no eido cultural designadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
En cada modalidade, o recoñecemento non poderá recaer en máis dunha persoa ou entidade e concederase un único premio correspondente a unha peza artística ou obxecto conmemorativo de prestixiosa autoría galega, acompañado dun diploma acreditativo. Na data de formalización da candidatura, as persoas participantes deberán estar vivas e os colectivos e entidades deben ter actividade.
Galardóns á excelencia e creatividade galega
Os Premios da Cultura Galega constitúen un instrumento para celebrar e recoñecer a creatividade, a excelencia e a proxección da construción cultural de Galicia. Na pasada edición os galardoados foron o escritor e creador Manuel Lorenzo, na modalidade de Letras; o deseñador Xosé María Pérez Barro en Artes Visuais; a directora escénica e actriz Marta Pazos Antas, en Artes Escénicas; o xestor cultural Joaquín Martínez Silva, en Música; a produtora Ficción Produccións, en Audiovisual; a xornalista Julia Díaz Sixto, en Lingua; o antropólogo Xosé Manuel González Reboredo, en Patrimonio Cultural, e o Real Club Celta de Vigo, en Proxección Exterior.