Nova: A Xunta integra o centro de interpretación da Torre de Hércules no sistema galego de centros museísticos

30/06/2025

A Xunta integra o centro de interpretación da Torre de Hércules no sistema galego de centros museísticos

  • O Consello aproba a incorporación deste espazo xestionado polo Concello da Coruña
  • O Centro de Interpretación fai máis inclusivo o acceso ao coñecemento e á historia da Torre de Hércules, visitada por máis de 100.000 persoas cada ano
  • Na actualidade, a listaxe de centros museísticos que forman parte do sistema galego de museos suma un total de 92 entidades, dos que 22 son coleccións museográficas

A Xunta de Galicia integrará o Centro de Interpretación da Torre de Hércules no Sistema Galego de Centros Museísticos. Así se acordou hoxe no Consello, onde se deu luz verde a incorporación deste espazo situado no Concello da Coruña e xestionado polo propio consistorio.

O Consello autoriza esta decisión tras a avaliación dos informes que verifican o cumprimento dos requisitos esixidos para formar parte da rede galega de centros museísticos e que, na actualidade, suma un total de 92 entidades, das que 69 son museos, 22 coleccións museográficas e un centro de interpretación do patrimonio cultural.

A Torre de Hércules, declarada Patrimonio Mundial pola Unesco en 2009 é o faro máis antigo do mundo. Trátase dun edificio de orixe romana construído entre mediados e finais do século I, cunha intervención no século XVIII que permitiu a permanencia do inmoble. O obxectivo primordial do centro de interpretación é divulgar os contidos e o Valor Universal Excepcional do monumento, razóns polas que foi incluído na Lista do Patrimonio Mundial. Neste senso, a exposición permanente do centro incide na cronoloxía da Torre dende a súa construción ata a actualidade.

O Centro de Interpretación constitúe unha alternativa, para todas as persoas que queiran coñecer o interior do monumento e a súa historia, facendo máis inclusivo o acceso ao coñecemento da Torre de Hércules, a cal é visitada por máis de 100.000 persoas cada ano.

O Centro de Interpretación da Torre de Hércules configúrase como o escenario de actividades de carácter ambiental, cultural, arqueolóxico e de recreación histórica, que contan coa participación de asociacións culturais e ambientais locais. Tamén se realizan presentacións de diversa índole (actividades, produtos turísticos ou libros) e visitas específicas de centros educativos.

Deste xeito, a súa inserción no Sistema Galego de Centros Museísticos permitiralle continuar con esta programación mediante o acceso a liñas de axudas públicas, a participación en accións formativas de interese para as súas iniciativas, o acceso a propostas colaborativas ou a actividades itinerantes promovidas pola Administración Autonómica.

Comparte