Nova: O Museo do Castro de Viladonga organiza este verán un campamento con catro quendas e 60 prazas para nenos e nenas de 6 a 12 anos

30/06/2025

O Museo do Castro de Viladonga organiza este verán un campamento con catro quendas e 60 prazas para nenos e nenas de 6 a 12 anos

O delegado territorial, Javier Arias, visitou hoxe aos primeiros participantes, que desfrutarán durante dez días de actividades lúdicas e culturais e saídas por concellos da contorna

A iniciativa leva por título ‘Campamento castrexo na Reserva da Biosfera Terras do Miño’ e forma parte do programa ‘Bibliotecas, Arquivos e Museos Corresponsables’, promovido pola Xunta para favorecer a conciliación familiar

Castro de Rei (Lugo), 30 de xuño de 2025

O Museo do Castro de Viladonga, en Castro de Rei, organiza este verán un Campamento castrexo na Reserva da Biosfera Terras do Miño, dirixido a nenos e nenas de 6 a 12 anos. En total ofrécense 60 prazas en catro quendas – 15 en cada unha – que se sucederán ata o día 22 de agosto.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitou hoxe aos primeiros participantes, que desfrutarán durante dez días de actividades lúdicas e culturais no Museo e saídas por concellos da contorna. O horario é de 9,00 a 14,00 horas, de luns a venres.

A iniciativa forma parte do programa Bibliotecas, Arquivos e Museos Corresponsables, que promove a consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en colaboración coa de Política Social e Igualdade no marco do Plan Corresponsables, para favorecer a conciliación das familias durante o verán.

Entre as actividades propostas figuran obradoiros e xogos con distintas temáticas, como  arqueoloxía; medio ambiente; papel reciclado artesanal; especies da Reserva da Biosfera; refuxios da fauna silvestre ou estampado de follas de árbores en bolsas e panos de algodón, entre outros.

Tamén haberá saídas para visitar algúns dos espazos culturais e paisaxísticos máis significativos dos municipios de Castro de Rei, Outeiro de Rei, A Pastoriza, Rábade e Cospeito.

Arias destacou que esta iniciativa “favorece a conciliación familiar ao tempo que ofrece aos máis pequenos unha boa oportunidade para divertirse e aprender de maneira lúdica nuns escenarios magníficos”.

Comparte