Nova: A Xunta conclúe a declaración do Antigo Reino de Galicia como Ben de Interese Cultural coa publicación hoxe no DOG

27/06/2025
A Xunta conclúe a declaración do Antigo Reino de Galicia como Ben de Interese Cultural coa publicación hoxe no DOG
O Goberno galego concédelle este recoñecemento na categoría de patrimonio inmaterial polo “valor sobranceiro” que mantén desde hai máis de tres séculos
A consellería de Cultura, Lingua e Xuventude culmina así o procedemento iniciado en 2024 para un dos “últimos expoñentes” que evocan a existencia do Reino de Galicia
Conta con informes favorables do Consello da Cultura Galega, o Museo do Pobo Galego, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e a Facultade de Humanidades
Nas medidas para a súa protección e transmisión recoméndase incrementar as investigacións e poñela en valor por tratarse dun ritual e cerimonia “únicas”
Santiago de Compostela, 27 de xuño
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a declaración do Antigo Reino de Galicia como Ben de Interese Cultural. Deste xeito, a Xunta conclúe o proceso co que se acredita o seu valor sobranceiro como patrimonio inmaterial do pobo galego, o que supón a aplicación do réxime de tutela da Lei de Patrimonio cultural. Desta forma, a celebración que vai ter lugar este domingo, 29 de xuño, vai ser a primeira con este máximo nivel de protección.
A culminación deste procedemento chega tras o visto e prace a este decreto por parte do Consello da Xunta este luns, 23 de xuño, e logo de recibir os informes favorables do Consello da Cultura Galega, o Museo do Pobo galego, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e a Facultade de Humanidades da Universidade de Santiago de Compostela, sen que se tivese rexistrado ningunha alegación.
Con esta publicación, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude culmina o proceso iniciado en 2024 para darlle esta distinción a unha tradición que se celebra en Lugo desde hai máis de tres séculos de xeito ininterrompido, agás no ano 1809 por estar a cidade en poder dos franceses, reunindo a representantes das sete cidades do Antigo Reino de Galicia e das cinco dioceses galegas existentes.
O decreto recoñécelle a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ser un “caso singular” dentro da cultura e o patrimonio inmaterial da Comunidade “ao expoñer de forma única unha tradición secular dos galegos e galegas, así como a evolución da súa unidade como pobo”. Consecuentemente, coa súa declaración como Ben de Interese Cultural tense en conta que se está ante unha celebración na que “toda Galicia se ve representada”, xa que que se une tanto a parte civil como a eclesiástica nun só evento “que supón ademais un dos últimos expoñentes deste histórico Reino”.
Marco histórico e espacial
Anualmente, o domingo seguinte ao Corpus Christi ten lugar en Lugo un acto institucional e relixioso no que participan os mandatarios das antigas capitais do Reino de Galicia: A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, Mondoñedo, Betanzos e Tui. Trátase da ofrenda ao Santísimo e a súa posterior procesión pola cidade, coa que se compre co voto solemne feito no ano 1669 —ante as dificultades económicas da Catedral de Santa María— de dotala dunha renda anual coa que iluminar o Altar Maior.
Desde 1925 ata os nosos días, o rito da Ofrenda celébrase do mesmo xeito, nunha misa solemne na que participan por quendas rotatorias anuais os representantes municipais das sete cidades. Precisamente, no decreto recóllese como un “aspecto a subliñar“ que a Ofrenda abarca historicamente a toda Galicia, e non só a unha localidade concreta.
Ademais, tamén salienta que se “adapta á perfección” á definición que dá a Unesco para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial ao reflectir un uso ou expresión que un grupo de individuos recoñece como parte integrante do seu patrimonio cultural, transmitíndoo de xeración en xeración, sendo celebrada constantemente por unha comunidade, supoñendo unha interacción coa súa historia e difundindo un sentimento de identidade e continuidade.
Débese subliñar que se trata dunha tradición ligada á Catedral de Lugo, un ben incluído singularmente na declaración dos Camiños de Santiago do Norte de España, Patrimonio da Humanidade desde o ano 2015 polos seus extraordinarios valores artísticos, históricos e culturais, que mantén o privilexio papal da exhibición permanente do Santísimo Sacramento.
Con esta aprobación xa son 788 os Bens de Interese Cultura existentes en Galicia. Deles 115 foron declarados desde a entrada en vigor da Lei de Patrimonio Cultural de 2016, unha cifra que reflicte o importante compromiso do Goberno por protexer, conservar e pór en valor o patrimonio sobranceiro da Comunidade.
Medidas de salvagarda
O decreto publicado tamén recolle a conveniencia de proceder ao rexistro e sistematización de documentos relacionados con este patrimonio para poder ter “unha comprensión máis eficaz e completa” e garantir a súa preservación futura, á vez que pór en valor que se está ante “un uso social, ritual, cerimonia e acto institucional únicos”.
En todo caso, hai que salientar que existen investigacións publicadas sobre a manifestación inmaterial da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia cunha certa entidade, o que a converte nunha das cerimonias que máis estudos monográficos rexistrou na Comunidade Autónoma de Galicia.