Nova: A Xunta lanza axudas de ata 150.000€ para a produción de audiolibros e de libros en lectura fácil

27/06/2025

A Xunta lanza axudas de ata 150.000€ para a produción de audiolibros e de libros en lectura fácil

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina 75.000€ para cada unha das modalidades nesta convocatoria con carácter plurianual

O obxectivo das subvencións é favorecer o acceso universal á lectura e á creación literaria

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2025

O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar a nova convocatoria de subvencións para a produción de audiolibros e de libros en lectura fácil, dúas liñas de axudas ás que se destinan 150.000 euros con carácter plurianual para 2025 e 2026 e que inclúe 70.000€ para este exercicio e 80.000€ para o vindeiro ano 2026.

Con esta liña de axudas, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude busca impulsar a produción editorial en novos formatos, para favorecer así o acceso universal á lectura e á creación literaria galega por parte de toda a poboación. As persoas interesadas, que deben acreditar a condición de editoras, poderán solicitar estas axudas ata o 28 de xullo. Tanto as subvencións para a produción e comercialización de audiolibros en galego como para a produción e comercialización de libros en lectura fácil contarán, cada unha, con 75.000 euros, 35.000 correspondentes a esta anualidade e 40.000 á de 2026.

O obxectivo desta iniciativa é o de apoiar ao sector editorial nos gastos derivados da produción, distribución e comercialización das publicacións en galego, ademais de incentivar a produción de libros, que favorezan tanto a dixitalización como o acceso universal á cultura, a través da posta no mercado de audiolibros e de libros en lectura fácil, dous ámbitos prioritarios para o fomento da lectura e a cultura inclusiva.

Neste senso, esta liña de axudas está vinculada aos obxectivos da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, aprobada o pasado ano sendo pioneira na Unión Europea, desenvolvendo medidas para eliminar barreiras físicas, cognitivas, sociais ou territoriais.

Na anterior convocatoria, na modalidade de audiolibros foron 14 proxectos concedidos a 5 editoras, e no caso dos libros de lectura fácil foron 31 as iniciativas beneficiarias de 10 editoras distintas.

Comparte