Nova: O outono lírico 2025 levará a Vigo a ópera ‘Werther’ co apoio da Xunta

26/06/2025

O outono lírico 2025 levará a Vigo a ópera ‘Werther’ co apoio da Xunta

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na presentación da programación impulsada pola Asociación Amigos da Ópera de Vigo

Incluída na campaña ‘Para gustos, cultura’, a iniciativa levarase a cabo nos meses de setembro, outubro e novembro

Vigo, 26 de xuño de 2025

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da programación incluída no Festival Outono Lírico 2025, unha iniciativa impulsada pola Asociación Amigos da Ópera de Vigo co apoio da Xunta de Galicia que permitirá a difusión a todos os públicos do xénero lírico.

Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude sinalou o compromiso do Goberno galego co impulso a diferentes tipos de iniciativas por todo o territorio. “Así se demostra coa campaña Para gustos, cultura que enche os meses de verán con máis de 3.400 actividades culturais de 40 tipoloxías diferentes”, sinalou antes de engadir que esta programación estará presenta este verán en 200 concellos de Galicia.

Así, lembrou que o programa da Asociación Amigos da Ópera de Vigo é só un exemplo de variedade de propostas que se inclúen nesta campaña e que permiten poñer en valor diferentes xéneros culturais, como o operístico; ao tempo que se promove unha oferta variada e de calidade.

As actividades propostas para os meses de setembro, outubro e novembro inclúen destacados títulos da lírica internacional, zarzuela e actividades paralelas pensadas para todos os públicos. Así, o calendario arrancará coas representacións das obras A Voz Humana e A Dama de Montecarlo, seguido de Unha noite de zarzuela, coa soprano Ainhoa Arteta. O plato forte desta edición será a representación de Werther, de Jules Massenet, cun elenco conformado por un tenor, unha mezzosoprano, un barítono, un baixo e unha soprano acompañados da Orquestra Sinfónica de Vigo 430 e o coro do Instituto A Xunqueira de Pontevedra.

Ademais, a programación inclúe o tradicional concerto de Novas voces da Lírica Galega e os habituais ciclos Ópera no Cinema adicado este ano aos compositores Georges Bizet e Maurice Ravel, así como as iniciativas Cinema de Outono e Falamos de, unha serie de charlas e encontros con artistas expertos.

Comparte