Nova: A Xunta impulsa as cátedras institucionais de Rosalía de Castro, Otero Pedrayo, Castelao e Carvalho Calero

23/06/2025
A Xunta impulsa as cátedras institucionais de Rosalía de Castro, Otero Pedrayo, Castelao e Carvalho Calero
- O Consello dá luz verde aos convenios coa Universidade de Santiago de Compostela e o Parlamento de Galicia para afondar no legado e obra dos catro persoeiros
- O obxectivo do acordo é impulsar ata 2027 cursos, seminarios, conferencias e actividades académicas que versen sobre a figura dos autores
- O acordo enmárcase no compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para potenciar e fomentar o idioma galego e a investigación sobre a lingua e cultura galegas
O Consello da Xunta deu luz verde ao convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, o Parlamento de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela para o desenvolvemento das catro cátedras institucionais: de Rosalía de Castro, Otero Pedrayo, Castelao e Ricardo Carvalho Calero.
A través destes convenios, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, fomentará a investigación sobre a lingua e cultura galegas, ao tempo que promove a divulgación e posta en valor do legado destes catro persoeiros. Así, cun investimento de 60.000 €, as cátedras configúranse como un foro para a execución de actividades e programas docentes e formativos, académicos, de estudo, divulgación e de fomento e promoción da vida e obra destes catro emblemáticos autores galegos.
Deste xeito, ata o ano 2027, cando rematará a vixencia dos diferentes convenios, buscarase promover a investigación científica no campo do estudo académico e crítico da obra destes catro autores, ademais de impulsar a realización de cursos, seminarios, conferencias e actividades académicas que contribúan a facilitar o debate cultural e académico da súa obra. Neste senso, premiaranse aqueles traballos académicos que versen sobre o legado de Rosalía de Catro, Otero Pedrayo, Castelao e Carvalho Calero, crearase un fondo bibliográfico e documental sobre a súa obra e difundiranse os valores asociados co seu traballo e figura.
En definitiva, as cátedras universitarias de investigación e divulgación están dirixidas a reforzar a importancia e repercusión destes escritores na literatura e están concibidas para impulsar a proxección e o coñecemento destas emblemáticas figuras galegas tanto no ámbito galego como en España e a nivel internacional. Para iso, integraranse dentro da estrutura académica da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.
Catro figuras relevantes vencelladas á historia galega
As cátedras institucionais que se poñen en marcha levan o nome de catro referentes vencellados á historia galega. Así, coa creación da cátedra de Rosalía de Castro reforzase a importancia da escritora galega máis universal, recordada por publicar a primeira grande obra en lingua galega Cantares Gallegos no ano 1863, e por ser a precursora da poesía española e referente do Rexurdimento.
As cátedras Castelao e Otero Pedrayo, pola súa banda, poñen en valor a repercusión de ambos autores como representativos da cultura galega do século XX, ao tratarse de figuras polifacéticas como narradores, ensaístas, dramaturgos, debuxantes e políticos. Por último, a cátedra Carvalho Calero consolida a trascendencia do escritor pola súa defensa pola lingua e cultura galega.