Nova: A Xunta e o Consejo Superior de Investigaciones Científicas dixitalizan os fondos do anteproxecto do Estatuto de autonomía da Segunda República

25/06/2025
A Xunta e o Consejo Superior de Investigaciones Científicas dixitalizan os fondos do anteproxecto do Estatuto de autonomía da Segunda República
López Campos salienta que o acceso en liña ao milleiro de documentos supón “unha importante fiestra virtual a un dos procesos históricos máis relevantes de Galicia”
O titular de Cultura erixe esta iniciativa como “unha das máis significativas” da programación do ‘Ano Castelao’ do Goberno galego
A biblioteca virtual pública, ‘Galiciana’, permite a consulta destes rexistros, custodiados ata o de agora polo Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento
Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2025
A Xunta e o Consejo Superior de Investigaciones Científicas presentaron hoxe a dixitalización do fondos do Anteproxecto do Estatuto de Autonomía (1932-1936) que supón, segundo salientou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, dispoñer dunha “importante fiestra documental a un dos procesos históricos máis relevantes de Galicia”.
Acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, o titular de Cultura do Goberno galego puxo en valor a colaboración do seu departamento co Consejo Superior de Investigaciones Científicas para crear este arquivo virtual, que erixiu como “unha das iniciativas máis significativas” da programación do Ano Castelao. Ao respecto, lembrou que o Goberno galego declarou esta efeméride para conmemorar neste 2025 o 75 aniversario do pasamento do intelectual e político galeguista. Neste senso, subliñou a importancia de ter procedido á dixitalización, debido á implicación activa do escritor de Rianxo neste proceso, “como férreo defensor de que Galicia contase cun Estatuto de Autonomía”.
Cómpre lembrar que o fondo do Anteproxecto do Estatuto de Autonomía de Galicia (1932-1936) conservábase, ata o de agora, no Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, centro mixto da Xunta e do CSIC. Composto por máis dun milleiro de documentos, abrangue actas de reunións, correspondencias, informes e emendas aos artigos do Anteproxecto, “e que agora están dixitalizados e con acceso libre e de balde, grazas a sempre beneficiosa colaboración entre institucións”, enxalzou López Campos na presentación, na que tamén estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.
En concreto, o acceso en liña a todo este fondo é posible a través do SIMURG, o portal de acceso ao patrimonio dixitalizado da Red de Bibliotecas y Archivos, xestionado pola Unidade de Recursos de Información Científica para a Investigación do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, que ademais ten activa unha pasarela que permite a dispoñibilidade e consulta a esta documentación a través de Galiciana. Patrimonio dixital de Galicia, plataforma da Xunta.
Programación do ‘Ano Castelao’
A programación do Ano Castelo do Goberno galego verase completada coa inauguración mañá xoves, na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, da instalación inmersiva Castelao. Mirar por Galicia, que recupera esta figura histórica de xeito virtual, a través da intelixencia artificial.
Así mesmo, sumarase a estas accións de homenaxe a edición, en colaboración coa Fundación Castelao e a Editorial Galaxia, das dúas versións que deixou publicadas da súa emblemática peza teatral Os vellos non deben de namorarse. Deste xeito, será a primeira vez que se realice a publicación simultánea dunha das obras máis populares da dramaturxia galega, estreada en Bos Aires en 1941.