Nova: Grupo Chévere, Paula Quintas Cía. e Pérez & Fernández representan a Galicia no programa de intercambio cultural ‘Camiño Escena Norte’

25/06/2025

Grupo Chévere, Paula Quintas Cía. e Pérez & Fernández representan a Galicia no programa de intercambio cultural ‘Camiño Escena Norte’

A Xunta de Galicia volve apoiar economicamente esta programación, que se desenvolverá do 12 de setembro ao 26 de outubro en seis comunidades autónomas do norte peninsular coa participación de 18 compañías destes territorios

Entre as novidades deste ano destaca a incorporación ao circuíto da Rioxa e a estrea da sección Focos con actividades de dinamización sectorial e proxección exterior

Santander, 25 de xuño de 2025

O programa de intercambio cultural Camiño Escena Norte presentou hoxe en Santander as principais novidades da súa sétima edición, que terá lugar do 12 de setembro ao 26 de outubro coa participación de 18 compañías de teatro, circo, danza e artes do movemento de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Navarra e, como nova incorporación en 2025, A Rioxa. Un ano máis, a Xunta contribuirá economicamente ao desenvolvemento desta iniciativa en Galicia, onde poderán verse os espectáculos procedentes das outras cinco comunidades autónomas, mentres que as compañías Chévere, Paula Quintas Cía. e Pérez & Fernández foron seleccionadas para xirar polo resto dos territorios en representación das nosas artes escénicas.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou neste acto oficial, celebrado no Palacio de Festivales de Cantabria, xunto aos representantes dos outros gobernos autonómicos implicados e da organización do circuíto pola banda cántabra. Na súa intervención, explicou que a Xunta mantén a súa aposta e compromiso con este proxecto, ao que apoia desde o seu nacemento en 2018 e do que destacou non só a oportunidade para a proxección exterior das artes escénicas galegas, senón tamén a posta en valor do Camiño do Norte, o acceso do público a propostas doutros panoramas escénicos, o intercambio profesional ou o compoñente formativo.

Espectáculos galegos

Ao respecto da selección galega, cos espectáculos Helen Keller, a muller marabilla? do Grupo Chévere, Multiperspectivas#3 de Paula Quintas Cía. e a versión en castelán da montaxe para público familiar Nanai da China, de Pérez & Fernández, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude sinalou que se trata dun exemplo do noso “enorme capital escénico”, para o que Camiño Escena Norte funciona como unha gran ferramenta para se atopar co público de fóra de Galicia. Estas tres propostas foron seleccionadas a partir do Catálogo de espectáculos recomendados Camiño Escena Norte, que funciona como selo de calidade para a promoción e o apoio á distribución das compañías que o integran por todo o territorio español.

Sutil expresou o seu agradecemento ao Goberno cántabro e á Asociación Cántabra de Empresas de Artes Escénicas como anfitrións da presentación desta nova entrega da iniciativa, que promoven os principais colectivos empresariais do sector en cada un dos territorios, con Escena Galega como representante da nosa Comunidade.

Sementar, coidar e xermolar é o lema desta sétima edición e inspira, así mesmo, o cartel realizado pola deseñadora cántabra Isabel de la Sierra. Cantabria será, así mesmo, a comunidade que inaugurará a nova sección Focos, programa de actividades de dinamización sectorial e promoción exterior que cada ano estará protagonizado por un dos territorios de Camiño Escena Norte.

Comparte