Nova: A Xunta congrega un milleiro de intérpretes e 40 agrupacións de baile e música tradicional das catro provincias galegas no ‘Serán04’

20/06/2025
A Xunta congrega un milleiro de intérpretes e 40 agrupacións de baile e música tradicional das catro provincias galegas no ‘Serán04’
O titular de Cultura do Goberno galego salienta o “momento excepcional” que está a vivir a música e baile tradicional, lembrando que se calcula que máis de corenta mil persoas forman parte dalgunha agrupación folclórica en Galicia ou na emigración
Ata o domingo, o IV Encontro Galego de Cultura Popular reunirá no Gaiás milleiros de asistentes cun programa pensado para poñer en valor a nosa música de raíz
O ‘Serán’ chega á súa cuarta edición no ano en que se agarda que a música e baile tradicional galego acaden o seu recoñecemento como Ben de Interese Cultural na categoría de patrimonio inmaterial
Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu hoxe no Museo Centro Gaiás ao arranque da cuarta edición do Serán, Encontro Galego de Cultura Popular, unha cita que desde hoxe e ata o domingo 22 de xuño reunirá na Cidade da Cultura de Galicia ata un milleiro de intérpretes e 40 agrupacións de baile e música tradicional das catro provincias galegas.
Na apertura do Serán’04, o titular de Cultura e Lingua da Xunta de Galicia salientou o “momento excepcional” que está a vivir a nosa música e baile tradicional, lembrando que se calcula que máis de corenta mil persoas forman parte dalgunha agrupación folclórica en Galicia ou na emigración. López Campos reafirmou ademais o compromiso do seu departamento coa protección e salvagarda dunha manifestación cultural —a música e o baile tradicional— que é “sen dúbida unha das mellores mostras da identidade do pobo galego”, lembrando que desde a Consellería de Cultura se está a tramitar o seu recoñecemento como Ben de Interese Cultural na categoría de patrimonio inmaterial.
O conselleiro manifestou o seu convencemento de que este cuarto Serán, un encontro que congregou a máis de 17.000 asistentes nas súas tres edicións previas, é “a mellor das probas de que a nosa rica cultura popular segue viva e continúa a sumar seareiros entre a rapazada” e agradeceu a súa participación ás 40 agrupacións e escolas de música e baile tradicional presentes neste encontro “chegadas de toda Galicia, desde Cangas a Xove, de Ramirás a Cedeira”.
Gran festival folk
O conselleiro, que estivo acompañado neste acto polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e o director artístico do Serán’04, Henrique Peón, convidou a cidadanía a gozar dun programa que na noite deste venres inclúe un gran festival folk con destacados nomes do ‘tradi’ actual.
Abrirá a actuación un dos nosos músicos de raíz con maior proxección dentro e fóra de Galicia: Xabier Díaz, acompañado das Adufeiras de Salitre. A continuación será a quenda de Tres Pesos, agrupación integrada por Xoán Porto, Xosé Antón Ferreira e Felisa Segade: os tres, en conxunto, suman centos de horas sobre os escenarios con proxectos como Leilía, Malveiras, Limagoia, Bricadeira ou A Ponte Vella, entre outros.
Completan o cartel deste festival folk Xosé Lois Romero & Aliboria, cos seus potentes arranxos para percusión tradicional e voz cheos de forza, raza e terra, e De Ninghures, unha das revelacións da música galega dos últimos anos, que conquista a todo tipo de públicos coa súa fusión de folk con músicas de todo o mundo: desde o rock saharauí ata as melodías cubanas.
Amplo e variado programa
O Serán’04 conta tamén durante toda a fin de semana cunha feira con expositores como artesáns do tecido, do calzado, da ourivería, de instrumentos tradicionais, asociacións e federacións ou organización de festivais, masterclasses profesionais de baile, música ou técnica vocal, foliadiñas coa participación de agrupacións infantís de toda Galicia ou un obradoiro familiar de estampaxe e serigrafía sobre tea.
Non faltarán tampouco o tradicional foliadón na noite do sábado, con cinco horas de música e baile e centos de intérpretes reunidos sobre o escenario, ou un Certame de Coros Enxebres onde, na mañá do domingo, actuarán o Coro tradicional Xacarandaina, Cantares do Brión (Gondomar), a Coral de Ruada (Ourense) e as Pandeireteiras de XOC (Xacarandaina-O Fiadeiro-Cantigas e Agarimos).
O Serán’04 despedirase na tarde do domingo 22 de xuño coa actuación conxunta de oito agrupacións de música e baile tradicional: Tequexetéldere (A Estrada), Aturuxo (A Coruña), Lembranzas da Ría (Cangas), Arume de Caión (Laracha), Traspés (Vigo), Buxainas (Cedeira), Son D’Aquí (A Coruña) e Saíñas (Xove).