Nova: López Campos considera que os “atributos excepcionais” da Ribeira Sacra farán que sexa recoñecida como Patrimonio da Humanidade

20/06/2025

López Campos considera que os “atributos excepcionais” da Ribeira Sacra farán que sexa recoñecida como Patrimonio da Humanidade

Apela as “boas sensacións” durante todo o proceso, que levan a Xunta ”a confiar” en que obterá este recoñecemento internacional en xuño de 2026

Destaca que os consultores da Unesco poderán “comprobar in situ a solvencia e a rigorosidade” da candidatura, na visita que realizarán sobre o terreo en outubro

Lembra que proposta céntrase nos valores especiais desta paisaxe, que abrangue as provincias de Lugo e Ourense e que a dotan dun “valor universal e excepcional”

Subliña o esforzo por parte do Goberno galego neste territorio con preto de 8 M€ para a posta en valor de máis de 40 bens patrimoniais durante estes últimos anos

Monforte de Lemos (Lugo), 20 de xuño de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, apelou hoxe aos “atributos excepcionais” cos que conta a candidatura Ribeira Sacra: Paisaxe da auga para amosar o seu convencemento de que “ten todo ao seu favor para conseguir ser declarada Patrimonio Mundial pola Unesco en xuño de 2026”.

Así o aseverou na súa intervención no foro A paisaxe cultura da auga da Ribeira Sacra, celebrado no municipio lucense de Monforte de Lemos, que contou coa participación do embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta, e con expertos en patrimonio, paisaxes culturais e turismo, que tamén incidiron nos valores desta candidatura, que está xa na súa recta final de avaliación. Fíxoo acompañado polo director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.

Precisamente, neste estadio do proceso, o representante do Goberno galego lembrou que consultores da Unesco visitará o territorio no mes de outubro, “no que poderán comprobar in situ a solvencia e rigorosidade da candidatura”. Ao respecto, fixo fincapé en que a proposta presenta unha paisaxe construída co uso da auga “dun xeito novidoso que non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial”.

Así, salientou que Ribeira Sacra: Paisaxe da Auga enxalza o “valor universal e excepcional” dun territorio que abrangue a 26 concellos das provincias de Lugo e Ourense Precisamente, incidiu en que a candidatura céntrase nos “atributos especiais” que reflicten “o seu carácter único”, que van desde os canóns e vales fluviais esculpidos pola auga ata o relevante do seu patrimonio hidráulico, con infraestruturas que teñen chegado aos nosos días desde a revolución tecnolóxica medieval con muíños, centrais ou os saltos impresionantes de auga.

“Estamos convencidos do valor deste territorio e, por iso, confiamos en que acade o merecido recoñecemento”, aseverou López Campos, quen apelou ás “boas sensacións” de todo o proceso. Neste senso, recordou que a de Ribeira Sacra xa forma parte das candidaturas admitidas para ser avaliadas polo Comité Mundial da Unesco, tras cumprir o Goberno galego “rigorosamente cos trámites, documentación e tempos exixidos”.

Por estes motivos, asegurou que o Goberno galego se enfronta a este “novo paso clave” da candidatura “coa tranquilidade e seguridade que dá contar cunha proposta madura e sólida”, na que subliñou que se tivo en conta as achegas de técnicos, expertos e axentes locais. Nesta liña, quixo agradecer a “total implicación desde un primeiro momento” da comunidade, veciñanza, institucións e axentes locais da zona e que ampliou aos expertos internacionais que participaron no Congreso Internacional Fontes, “que fixeron valiosas suxestións” durante as xornadas celebradas no municipio ourensán de Nogueira de Ramuín.

En concreto, o representante de Cultura da Xunta fixo mención especial ao “compromiso institucional e persoal” do embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta, do que salientou que “acompañou e arroupou” a candidatura tanto no procedemento “como coa súa presenza e asistencia aos encontros para impulsar a Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial”.

Folla de ruta iniciada en 2017

Finalmente, o conselleiro aproveitou a súa intervención para lembrar o “esforzo e intenso traballo” por parte do Goberno galego coa candidatura Ribeira Sacra: Paisaxe da auga. Con este obxecto, sinalou os preto de 8 M€ que a Xunta ten investido na conservación e posta en valor de máis de 40 bens patrimoniais deste territorio das provincias de Ourense e Lugo.

En concreto, ao longo deste período, a Administración autonómica executou, en solitario ou en colaboración con outras institucións e concellos, máis de 90 actuacións tanto en materia arquitectónica como arqueolóxica en diferentes bens, como igrexas, mosteiros, museos, castros ou xacementos romanos, entre outros. “Co esforzo e traballo de todos, a Ribeira Sacra conseguiu ser hoxe en día un territorio aínda máis vivo, máis coidado e máis recoñecido e aínda o vai ser máis cando academos este merecido recoñecemento internacional”, concluíu.

Comparte