Nova: A Xunta incoará como Ben de Interese Cultural sete moedas históricas de Galicia polo seu valor excepcional

19/06/2025
A Xunta incoará como Ben de Interese Cultural sete moedas históricas de Galicia polo seu valor excepcional
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude iniciará así os trámites, que supoñen xa a salvagarda e protección deste patrimonio
Constitúen emisións únicas que conforman un testemuño material e documental da presenza do Reino Suevo en Galicia e do medievo renacentista, que sobrepasa o interese do coleccionismo
As pezas forman parte da colección numismática privada do galego Antonio Orol
Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2025
A Xunta incoará como Ben de Interese Cultural sete moedas históricas de Galicia, que forman parte da colección numismática do galego Antonio Orol, polo seu excepcional valor. Consecuentemente, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publicará nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia o inicio deste procedemento, que supón a inmediata salvagarda e protección deste patrimonio. Ademais, vaise solicitar ao Goberno central que as declare inexportables tendo en conta a súa relevancia para o patrimonio cultural da Comunidade.
Á hora de proceder a incoar este expediente, os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural valoraron as pezas que forman parte da colección numismática privada do galego Antonio Orol e atoparon cinco exemplares únicos, que supoñen unha testemuña material e documental da presencia do Reino Suevo en Galicia, así como do medievo renacentista, que sobrepasan o interese do coleccionismo.
Consecuentemente, a avaliación dos técnicos determina que teñen a categoría tanto para a historia da Península, como para a Comunidade en particular, de obxecto moble singular. Deste xeito, a declaración de Ben de Interese Cultural suporalles a protección patrimonial exixida polo seus valores históricos, artísticos, culturais e tamén identitarios e territoriais, xa que plasman con singular relevancia o seu vencellado coa Gallaecia histórica e a existencia do Reino Suevo dentro do período alto medieval.
Debido a relevancia destas moedas para o patrimonio cultural de Galicia, a Xunta vaille solicitar de xeito inmediato ao Ministerio de Cultura que emita a Orde que as declare inexportables, como medida cautelar previa ata que se incoe o procedemento de declaración de Ben de Interese Cultural. Deste xeito, trátase de evitar a súa posible saída do país e unha perda artística e documental inestimable. No momento en que se publique a incoación no Diario Oficial de Galicia, a Administración autonómica disporá dun prazo de 24 meses para completar o expediente.