Nova: Anxo M. Lorenzo destaca en Ourense a importancia das feiras do libro como elemento dinamizador da lectura

18/06/2025
Anxo M. Lorenzo destaca en Ourense a importancia das feiras do libro como elemento dinamizador da lectura
O parque de San Lázaro acollerá ata o sábado 21 de xuño propostas como espectáculos, presentacións, sinaturas de libros e teatro ou obradoiros infantís
O representante da Xunta remarca “o traballo do Goberno Galego por impulsar a lectura, o sector libreiro e os grandes escritores e escritoras da nosa terra”
Ourense, 18 de xuño de 2025
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participaron hoxe na inauguración da Feira do Libro de Ourense na sexta parada do circuíto impulsado pola Xunta de Galicia e a Federación de Librarías de Galicia, onde destacou o papel fundamental que supoñen estas propostas de cara ao impulso e dinamización da lectura.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor “estas iniciativas, que potencian o descubrimento de novas lecturas e enchen as cidades, durante varios días, de multitude de propostas culturais para todos os públicos”. Así mesmo, Anxo M. Lorenzo agradeceu o traballo dos axentes implicados na organización da feira que contará cunha variada programación entre a que se inclúen as sinaturas de libros por máis de trinta autores, teatro para familias, obradoiros infantís, un recital poético e varias presentacións. Unha iniciativa que o director xeral de Cultura remarca dentro “do traballo do Goberno Galego por impulsar a lectura, o sector libreiro e os grandes escritores e escritoras da nosa terra”.
Baixo o lema Onde florecen os libros, foi inaugurada coa lectura do pregón a cargo da escritora Celia Díaz e esta feira permanecerá aberta ao público no parque de San Lázaro ata o 21 de xuño, de 11 a 14 horas e de 18 a 21,30 horas.
Calendario ata agosto
Ourense é a sexta das 13 citas co libro e a lectura que terán os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias. Tras iniciar o percorrido en Ferrol e pasar xa por Santiago de Compostela, Lugo, O Porriño e Redondela, a Feira do Libro chega agora a Ourense ata o 21 de xuño.
Xa no mes de xullo haberá Feira do Libro en Vigo, do 1 ao 7 de xullo; en Ponteareas, do 10 ao 13 de xullo, e en Rianxo, do 24 ao 27 de xullo. En agosto as feiras estarán tamén na Coruña, do 1 ao 10; Viveiro, do 12 ao 15; Foz, do 16 ao 19, e, finalmente, en Monforte de Lemos, do 20 ao 23.