Nova: A Xunta apoia unha nova edición do Festival Atlántica que se suma á celebración do ‘Ano Castelao’

17/06/2025

A Xunta apoia unha nova edición do Festival Atlántica que se suma á celebración do ‘Ano Castelao’

Anxo M. Lorenzo erixe esta cita como “referente internacional” e gaba a súa “importante contribución á descentralización da programación cultural”

Ofrecerá 77 funcións en galego, castelán e portugués en espazos patrimoniais de 25 localidades da Comunidade, do 28 de xuño ao 6 de xullo

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2025

A Xunta volve apoiar o Festival Atlántica de narración oral, que se suma este ano á celebración do Ano Castelao incluíndo, entre as súas 77 propostas, unha lectura pública das súas obras no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela, e unha andaina pola pegada que o intelectual galeguista deixou na capital galega. “Hai que valorar que este certame, máis que consolidado, sempre estea atento aos fitos culturais que o rodean, como é esta especial efeméride do 75 aniversario do falecemento do escritor de Rianxo”, gabou o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, na presentación da décimo terceira edición.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude erixiu como “referente internacional” este certame, que celebrará espectáculos de narración oral, concertos, rutas e vermú de contos, do 28 de xuño ao 6 de xullo, en espazos patrimoniais de 25 localidades da comunidade e unha programación especial entre Galicia e Portugal, nas que se empregará o galego, castelán e portugués.

Neste senso, Anxo M. Lorenzo agradeceu a contribución deste festival a “descentralización da actividade cultural galega achegando propostas ao rural con iniciativas para todos os públicos”. Ao respecto,  finxo fincapé en que se inscribe na liña da pioneira Lei de cultura inclusiva e accesible  de Galicia e celebrou a “feliz coincidencia” de que a edición deste ano sexa tamén a da homenaxe das Letras Galegas ás cantareiras e á poesía popular oral, “que dá testemuño do papel xogado por este certame na conservación do noso rico patrimonio inmaterial”, enxalzou.

Homenaxe a Castelao

O Festival Atlántica levará este ano a súa programación aos concellos da Capela, A Coruña, A Estrada, A Pobra do Caramiñal, Alfoz, Betanzos, Caldas de Reis, Cedeira, Chantada, Cuntis, Dodro, Ferrol, Padrón, Mugardos, Ordes, Ourense, Outes, Pazos de Borbén, Ribeira, Santiago de Compostela, Sanxenxo, Teo, Vigo, Vilalba e Vimianzo.

Precisamente, en Santiago de Compostela será onde se celebre a lectura pública das obras de Castelao, no Panteón das Galegas e Galegos Ilustres, o día 1 de xullo, desde as 11,30 ás 20,30 horas. Será nun acto aberto á cidadanía, pero que requirirá inscrición previa. Súmaselle a esta homenaxe a andaina A pegada de Castelao, o xoves 3 de xullo, percorrendo as rúas da capital galega da man do narrador oral Quico Cadaval e da filóloga e xestora cultural Carmen Varela, para lembrar os nove anos que viviu nesta cidade o autor de Sempre en Galiza.

Ademais, a programación do certame poderá gozarse en lugares emblemáticos do patrimonio galego, como o nomeado Panteón de Galegas e Galegos Ilustres e o Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela; o castro de Posmarcos, na Pobra do Caramiñal; o claustro de Santo Domingo, en Betanzos; o adro da igrexa de Santo Andrés de Teixido, en Cedeira; o castro de Castrolandín, en Cuntis; os petróglifos de Bouza Badín e nos Hórreos de Lavandeira, en Dodro; o Museo Camilo José Cela, en Padrón; o espazo museístico da Carpintaría de Ribeira en Broña, en Outes; o lavadoiro de Penisqueira, en Ribeira; na Casa Mariñeira Don Fernando, en Sanxenxo; no castro das Barreiras e no castelo, en Vimianzo. Toda a  programación está dispoñible na web do festival.

Comparte