Nova: A Xunta reforza o seu apoio ao teatro afeccionado con 55.000 euros para representar 88 funcións e celebrar o Festival Amador ‘Agustín Magán’

16/06/2025

A Xunta reforza o seu apoio ao teatro afeccionado con 55.000 euros para representar 88 funcións e celebrar o Festival Amador ‘Agustín Magán’

López Campos desta o valor desta programación para a dinamización e accesibilidade cultural por todo o territorio galego, na liña da Lei de cultura inclusiva e accesible 

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2025

O Goberno galego destinará este ano 55.000 euros á Federación Galega de Teatro Afeccionado para apoiala no desenvolvemento da súa actividade ao longo deste 2025, que inclúe 88 funcións por toda Galicia e a celebración do Festival Agustín Magán. “Supón un reforzo ao investimento que vimos facendo nos últimos anos e reflicte o compromiso da Xunta para darlle pulo e visibilidade a esta dramaturxia que move a máis de 6.000 espectadores”, salientou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, trala firma do convenio coa presidenta desta entidade, Chelo Pampillón.

O titular de Cultura do Goberno galego fixo fincapé en que, con este acordo, “evidénciase o notable incremento rexistrado ao longo destes anos, xa que se pasou de 30.000€, no 2021, aos 55.000€ do convenio actual”. Deste xeito, considerou que con este financiamento a programación da entidade “queda apuntalada para que poida desenvolver a súa actividade escénica”.

Ao respecto, López Campos puxo en valor o papel do teatro afeccionado na dinamización e accesibilidade cultural, “na liña da pioneira Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia”, á vez que fixo fincapé no “importante fluxo económico” que supón, “xa que mobiliza a 800 persoas que actúan por toda a xeografía galega”.

Cómpre lembrar que a Federación Galega de Teatro Afeccionado inclúe 57 agrupacións representativas das catro provincias e eríxese, a través do se Circuíto galego de Teatro Amador, nunha forma efectiva de achegar o teatro a todas as aquelas vilas galegas que non poden contar cunha programación teatral.

O Circuíto Galego de Teatro Amador ten carácter autonómico, mentres que o Festival de Teatro Amador Agustín Magán celébrase en diversos espazos de Santiago de Compostela como un xeito de dar a coñecer as últimas propostas escénicas de grupos federados das catro provincias galegas.

Cómpre salientar que a Federación Galega de Teatro Afeccionado, Premio da Cultura Galega en 2020, festexará este ano o seu 25 aniversario cun acto na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, o 6 de xullo, e no que contará de novo co apoio da Xunta.

Comparte