Nova: López Campos resalta a “potente mensaxe feminista e emancipadora” de Priscilla Monge

13/06/2025

López Campos resalta a “potente mensaxe feminista e emancipadora” de Priscilla Monge

O representante da Xunta subliñou a influencia da artista costarriqueña que usa o humor e o cinismo para reflexionar sobre o imaxe da muller na sociedade actual

A mostra, que poderá visitarse ata o 5 de outubro, complétase cunha charla da artista e o comisario esta tarde

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou hoxe a “potente mensaxe feminista e emancipadora” da obra da artista Priscilla Monge “que mediante ferramentas como o humor e o cinismo nos fai reflexionar sobre a imaxe da muller na sociedade actual”. Así o salientou na inauguración da exposición Cuestións de vida ou morte da artista costarriqueña, que se pode visitar no Centro Galego de Arte Contemporáneo ata o 5 de outubro.

No acto de apertura, o representante do Goberno galego, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, celebrou a aposta da Administración autonómica “por seguir crecendo e ofrecendo os mellores contidos nos museos xestionados pola Xunta. Así, neste caso concreto as obras buscan explorar o incómodo, aquelo do que non se fala, e están marcadas polos conflitos sociais das súas raíces latinoamericanas. “Esta exposición é unha oportunidade única para coñecer a esta artista pioneira, non só en América Central, onde a súa influencia é decisiva a finais dos anos noventa”, explicou o conselleiro.

Priscilla Monge explora na nova mostra do CGAC as relacións entre amor e agresión, os vínculos de poder e as xerarquías das relacións cotiás dunha maneira multidisciplinar con medios como fotografía, escultura ou vídeo e co humor como ferramenta transversal. O uso do bordado nas súas pinturas, máxima dos “labores” femininos e domésticos, aporta reflexión, textura e artesanía ao seu traballo.

A exposición Cuestións de vida ou morte reúne obras de todas as súas etapas, incidindo naquelas cunha especial significación social e poderá visitarse ata o 5 de outubro nas salas do Centro Galego de Arte Contemporánea. Ademais, de xeito complementario, esta tarde, ás 19,30 horas no auditorio do centro, a artista e o comisario da mostra e director do CGAC, Santiago Olmo, ofrecerán unha charla aberta ao público para presentar a exposición.

Comparte