Nova: Anxo M. Lorenzo refírese a ‘La casa de Troya’ como “símbolo vivo da identidade e do patrimonio cultural galego”

10/06/2025
Anxo M. Lorenzo refírese a ‘La casa de Troya’ como “símbolo vivo da identidade e do patrimonio cultural galego”
A Xunta únese á celebración do centenario da película coa inauguración en Santiago de Compostela da exposición fotográfica ‘Unha noite na casa da Troia’
O director xeral de Cultura explica que a programación inclúe exposicións fotográficas interactivas e proxeccións especiais con música en directo
Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2025
A Xunta de Galicia únese á conmemoración este ano 2025 do centenario da película muda La casa de Troya, baseada na novela homónima de Alejandro Pérez Lugín. Así se deu a coñecer hoxe nunha rolda de prensa en Santiago de Compostela, na que participou o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude cualificou o filme como “fito cultural imprescindible do seu tempo”, que “levou a identidade galega, así como a paisaxe, as cidades e a vida cotiá de comezos do século XX, a cidades emblemáticas como Barcelona, Nova York ou Bos Aires”.
Para conmemorar esta efeméride, organizaranse exposicións fotográficas interactivas con imaxes da rodaxe da película, así como proxeccións especiais con música en directo, que permitirán ao público revivir a experiencia orixinal da estrea. As actividades conmemorativas combinarán a recuperación histórica coa participación activa da comunidade.
As proxeccións acompañaranse cunha banda sonora orixinal, que contribuirá a recrear a atmosfera das primeiras sesións do cinema mudo. Ademais, empregarase tamén música da época na que se estreou o filme, reproducida en discos de 78 rpm, co obxectivo de recrear fielmente a atmosfera sonora da década de 1920. A música que acompañará as proxeccións será interpretada en directo polo grupo Caspervek. A primeira proxección será en Vigo o 27 de agosto.
Este proxecto inclúe unha mostra itinerante que achega ao público das distintas vilas reflectidas na película La casa de la Troya, unha exposición fotográfica adaptada, que se inaugurará no Museo Casa de Troya o 24 de xuño e cuxas paradas se programarán. As actividades previstas completaranse cun roteiro cultural en Santiago de Compostela que percorra os espazos emblemáticos da novela e película.