Nova: A Xunta leva a Ponteareas a exposición de rúa ‘Botamos un baile?’ para pór en valor a historia das orquestras de verbena en Galicia

10/06/2025

A Xunta leva a Ponteareas a exposición de rúa ‘Botamos un baile?’ para pór en valor a historia das orquestras de verbena en Galicia

O proxecto nace a raíz dunha mostra que acolleu a Biblioteca de Galicia en 2023 e que agora se adapta a un formato de rúa na Praza da Música en Ponteareas

López Campos sinala o interese de coñecer “as transformacións históricas e culturais das formacións musicais populares galegas dende principios do s. XX ata a actualidade”

‘Botamos un baile? Un século de orquestras de verbena en Galicia’ enmárcase nas itinerancias expositivas da Cidade da Cultura, que nutren outros lugares da Comunidade de produtos culturais que se xestan no Gaiás

Ponteareas (Pontevedra), 10 de xuño de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou esta mañá a mostra Botamos un baile? Un século de orquestras de verbena en Galicia, que contempla a evolución destas agrupacións desde principios do século XX ata a actualidade. O proxecto, que se enmarca dentro das itinerancias expositivas da Cidade da Cultura, pode visitarse na Praza da Música de Ponteareas ata o vindeiro 30 de xuño.

O titular de Cultura da Xunta sinalou o interese de coñecer “as transformacións históricas e culturais das formacións musicais populares galegas ao longo do tempo” destacando “o gran impacto económico, social e cultural destas agrupacións, que mobilizan cada ano a milleiros de persoas, así como as pegadas que deixan na música galega actual”.

O proxecto nace dunha exposición que acolleu a Biblioteca de Galicia en 2023 e fai un repaso a un tema con fonda pegada na sociedade galega, pero pouco analizado academicamente. López Campos celebra “unha homenaxe visual e documental que pon en valor a verbena como parte esencial da identidade galega contemporánea, unha viaxe emocional e sonora que reivindica estas festas como parte esencial da nosa idiosincrasia, con pasado, presente e moito futuro”. 

Na inauguración estiveron presentes, ademais do conselleiro, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro; a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura; así como Zósimo López e Henrique Neira, comisarios da exposición. Botamos un baile? súmase ás itinerancias expositivas da Cidade da Cultura que, a partir de proxectos que se xestan no Gaiás, nutren de contido outros lugares da Comunidade. Así, Ponteareas convértese na primeira vila en acoller unha mostra itinerante de rúa, un formato que, tras esta experiencia, se trasladará a outros lugares do territorio.

Un século de orquestras de verbena en Galicia

A mostra conta a evolución da verbena galega ao longo dun século amosando imaxes de programas de festas, fotografías e, sobre todo, carteis de estilos moi diferentes. A través destas pezas pódese apreciar a adaptación a cada época dun xeito de lecer arraigado en Galicia, cun tecido económico propio en constante desenvolvemento e innovación.

Dende a influencia da emigración galega nas bandas de música populares ata os grandes escenarios actuais, pasando polas influencias das orquestras en bandas contemporáneas, esta mostra de rúa achega ao público unha historia común da música en Galicia.

Comparte