Nova: O Centro Dramático Galego incorpórase á unión de teatros de Europa

08/06/2025
O Centro Dramático Galego incorpórase á unión de teatros de Europa
A compañía institucional da Xunta de Galicia pasa a formar parte desta prestixiosa rede internacional en recoñecemento á súa calidade, traxectoria e compromiso coas artes escénicas
A súa adhesión a unha das organizacións teatrais máis influentes de Europa supón un fito para a proxección exterior do teatro galego, ao que lle abre novas oportunidades de creación, difusión e colaboración internacional
Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2025
O Centro Dramático Galego acaba de incorporarse á Unión de Teatros de Europa, unha das principais e máis influentes asociacións europeas do sector. A súa adhesión foi aprobada pola asemblea xeral desta rede en recoñecemento á calidade, traxectoria e compromiso coas artes escénicas da compañía institucional da Xunta, que lle dá así un novo impulso á súa estratexia de internacionalización da dramaturxia e da profesión teatral de Galicia.
A compañía pública galega pasa a formar parte desta prestixiosa organización cultural, fundada en 1990 e impulsada por Giorgio Strehler co obxectivo de fomentar o intercambio profesional e artístico, ao tempo que promover unha Europa culturalmente aberta. Na actualidade, está integrada por 25 membros de 16 países, entre os que se atopan unha ducia de teatros públicos de primeiro nivel, como os italianos Piccolo Teatro di Milano-Teatro d’Europa e Teatro di Roma-Teatro Nazionale, Teatro Nacional São João do Porto en Portugal, Teatros da Cidade de Praga na República Checa, Teatro Nacional de Luxemburgo, Teatro Nacional do Norte de Grecia en Tesalónica ou o Teatre Nacional de Catalunya.
Presidida polo director Gábor Tompa, a Unión de Teatros de Europa articula a súa actividade arredor de tres eixos principais: desenvolver colaboracións internacionais; preservar, transmitir e renovar o patrimonio teatral europeo, e impulsar proxectos innovadores que primen a diversidade cultural, o diálogo e a reflexión crítica con especial atención á inclusión, á igualdade e á sustentabilidade.
Neste sentido, os seus obxectivos entroncan co traballo que o Centro Dramático Galego vén desenvolvendo nos últimos anos a prol dunha maior proxección exterior do noso teatro, así como co seu compromiso cunhas artes escénicas máis accesibles, inclusivas e sustentables.
Galicia, no mapa teatral europeo
A súa incorporación á Unión de Teatros Europeos ábrelle agora novas oportunidades de creación, difusión e colaboración internacional, que sitúan Galicia no mapa teatral europeo. A participación nas iniciativas desta asociación posibilitará, por exemplo, o intercambio con compañías de prestixio, o acceso a coproducións internacionais ou a inclusión en redes escénicas de formación e innovación.
Servirá tamén de plataforma para unha maior visibilidade da dramaturxia e a creación escénica de Galicia, consolidando a vitalidade e a diversidade da cultura galega cunha voz propia no contexto europeo.