Nova: A Xunta reúne máis de 1.000 persoas nunha xornada lúdica e deportiva coa sétima edición da ‘Holi Gaiás’

07/06/2025

A Xunta reúne máis de 1.000 persoas nunha xornada lúdica e deportiva coa sétima edición da ‘Holi Gaiás’

A carreira celébrase nunha contorna natural única como son os espazos verdes da Cidade da Cultura

A cativada menor de 10 anos de idade súmase por segunda vez a esta festa ao aire libre en familia participando nunha ‘Peque Holi’ chea de cor

A proba conta co patrocinio de Viaqua e a colaboración da Federación Galega de Atletismo, Coca-Cola e Gadis

Parte da recadación destínase á Fundación Andrea, que traballa a prol da cativada con enfermidades crónicas ou de longa duración

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2025

A Xunta de Galicia reuniu hoxe na Cidade da Cultura a máis de 1.000 persoas que gozaron en familia da sétima edición da Holi Gaiás, unha proba de carácter lúdico que transcorreu polos espazos exteriores do complexo baixo unha poeira de cores para celebrar a primavera.

A carreira, cun percorrido de cinco quilómetros, volveu contar un ano máis cun ambiente festivo, máis que competitivo, no que os máis de 800 participantes, ademais de correr, tamén bailaron ao ritmo da música e as coreografías que acompañaron o quecemento e a despedida da xornada na praza central do Gaiás.

Cómpre destacar que este ano repetiuse a iniciativa posta en marcha na edición pasada, a Peque Holi, que cunha pequena proba de 700 metros foi protagonizada polos cativos da casa, cun total de 300 inscritos.

Durante a entrega de premios, a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, sinalou que esta proposta deportiva encádrase no programa de actividades desenvolvidas pola Cidade da Cultura  para abrir o Bosque de Galicia e o resto dos seus espazos verdes á cidadanía e para ampliar a oferta lúdica a todos os públicos.

Así mesmo, lembrou que a proba conta co patrocinio de Viaqua e coa colaboración da Federación Galega de Atletismo, Coca-Cola e Gadis. Ademais, como novidade este ano, unha parte do custo da inscrición está destinada á Fundación Andrea, que apoia a nenos con enfermidades crónicas ou de longa duración.

Comparte