Nova: A Xunta promove a creación en galego na primeira quenda da III Residencia Literaria Illa de San Simón

26/05/2025
A Xunta promove a creación en galego na primeira quenda da III Residencia Literaria Illa de San Simón
Redondela (Pontevedra), 26 de maio de 2025
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, recibiu hoxe aos catro escritores que participan na primeira quenda da III Residencia Literaria Illa de San Simón. Trátase dunha iniciativa que promove a creación literaria en galego mediante unha estadía de ata dúas semanas neste contorno e da que resaltou o seu éxito “porque un ano máis volveuse a incrementar o número de solicitudes recibidas”.
No marco desta xuntanza, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude deu a benvida a Ana Belén Gutiérrez Puente, Sabela González Panizo, Vicente Vázquez Vidal e Victor Cebey López, que ata o vindeiro día 1 de xuño traballarán nos seus proxectos. Neste senso, puxo en valor a ampla variedade de xéneros literarios elixidos polos creadores que van desde a novela, o teatro, a poesía ou o ensaio, a outras máis especiais como a ilustración e os guións cinematográficos.