Nova: A Xunta convoca unha mesa de diálogo sobre os murais de Urbano Lugrís co Concello e a Deputación da Coruña

26/05/2025

A Xunta convoca unha mesa de diálogo sobre os murais de Urbano Lugrís co Concello e a Deputación da Coruña

No encontro, que se celebrará o vindeiro mércores 4 de xuño na sede da Delegación da Xunta na cidade, analizarase o informe de avaliación feito polos técnicos

O obxectivo é abordar as diferentes opcións para garantir a mellor conservación do conxunto mural localizado nos números 25 e 27 da rúa Olmos

As pezas foron adquiridas o pasado ano polo Goberno galego tras exercer o seu dereito de tanteo e co obxectivo de poñelos a disposición da cidadanía

A Coruña, 26 de maio de 2025

A Xunta de Galicia acaba de convocar ao Concello e a Deputación da Coruña para abordar conxuntamente o futuro dos murais de Urbano Lugrís, localizados nos números 25 e 27 da rúa Olmos. O encontro, que se celebrará o vindeiro mércores 4 de xuño na sede da Delegación da Xunta na cidade, dá cumprimento ao acordo aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia o pasado mes de abril para instar ao Goberno galego a iniciar un proceso de diálogo coas administracións implicadas.

Deste xeito, o obxectivo da xuntanza, na que participarán representantes das tres entidades, será analizar o informe de avaliación realizado polos técnicos para coñecer con exactitude o estado de conservación do conxunto mural. Tras isto, a Xunta de Galicia, o Concello da Coruña e a Deputación da Coruña poderán abordar as diferentes opcións que permitan garantir a mellor protección e coidado destas pezas, así como estudar a posibilidade de crear un espazo de dinamización cultural que poña en valor esas obras.

Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia adquiriu estes murais tras presentar no Xulgado Mercantil número 3 da Coruña a resolución para exercer o dereito de tanteo. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude exerceu así o seu dereito de adquisición preferente, recollido na Lei de Patrimonio Cultural para aqueles bens que contan co máximo nivel de protección, igualando a oferta de 36.000€ feita por un particular.

Con esta adquisición, o obxectivo da Administración autonómica era protexer e restaurar o conxunto mural para poñelo a disposición da cidadanía, tendo en conta o interese común por manter as obras na cidade, a importancia de que non se disgreguen e se manteñan xuntas no futuro, así como a posibilidade de que sexan públicas, garantindo o acceso á cidadanía en calquera situación.

Declaración Ben de Interese Cultural

O Diario Oficial de Galicia publicou en marzo de 2024 a incoación para declarar Ben de Interese Cultural (BIC), na categoría de monumento, os murais de Urbano Lugrís da rúa Olmos da Coruña. O Goberno galego iniciou así o procedemento para outorgarlle a máxima protección patrimonial ao conxunto mural feito polo pintor coruñés logo de recibir os informes realizados polos técnicos da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e do Concello da Coruña.

Á hora de incoar o expediente, o que supón xa a protección inmediata do ben, os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural valoraron que as obras que compoñen o conxunto mural merecen formar parte do patrimonio cultural máis significativo de Galicia pola súa calidade e contexto artístico e para garantir a súa conservación e proxección cara ás futuras xeracións.

Así mesmo, o expediente inclúe tamén a calidade e complexidade destas obras que contan cun carácter excepcional dentro de toda a produción artística de Urbano Lugrís ao no conservarse ningún conxunto desta natureza que sexa testemuño do nivel que chegou a adquirir o artista no ámbito da composición e da creatividade na decoración de interiores.

Comparte