Nova: A Xunta contribúe con 180.000 € ao desenvolvemento de oito residencias e laboratorios audiovisuais

24/05/2025

A Xunta contribúe con 180.000 € ao desenvolvemento de oito residencias e laboratorios audiovisuais

A plataforma Ventura, Conecta Lab, Intersección Lab, eSe8 Lab, Terra#LAB, o programa Agapi Impulsa Copros, a residencia FICBueu e as Titorías AGAG para Mulleres Guionistas son as iniciativas beneficiarias

O obxectivo das axudas é favorecer a creación e impulso de novos proxectos de cinema e televisión mediante encontros profesionais concentrados en tempos e espazos

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2025

A Xunta de Galicia publicou a adxudicación da convocatoria das subvencións coas que oito entidades audiovisuais recibirán 180.000 euros para a organización de laboratorios, incubadoras ou residencias de formación e asesoramento, tanto na creación como no impulso de novos proxectos para cinema e televisión. Os programas beneficiarios son a plataforma Ventura, Conecta Lab, Intersección Lab, a incubadora eSe8 Lab, Terra#LAB, Agapi Impulsa Copros, a residencia FICBueu e as Titorías AGAG para Mulleres Guionistas.

Esta liña de apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude púxose en marcha en 2024 co fin de incorporar unhas novas axudas para o sector na fase previa do desenvolvemento de proxectos, facilitando a interacción profesional intensificado en datas e lugares concretos para o encontro na maioría dos casos. O obxectivo é contribuír á xestación e mellora de novas propostas para garantir a calidade e a solidez necesarias no seu camiño á fase de produción e, xa que logo, a súa viabilidade artística, técnica e financeira.

Propostas para responder ás necesidades do sector

Os oito proxectos apoiados contan xa con experiencia previa no seu ámbito e articúlanse como propostas innovadoras para darlles resposta ás necesidades do sector e dos seus profesionais, ao tempo que apostan pola creación e produción galega.

Unha destas iniciativas é a plataforma internacional Ventura, á que se destinan 38.974 euros. Desenvolvida pola Asociación Cultural Enfoques e vinculada ao festival Play-Doc de Tui, diríxese a cineastas e produtoras que centran o seu labor na realización de películas independentes cunha destacada visión artística.

As subvencións apoian tamén o labor que levan a cabo neste eido outros festivais galegos. Na Coruña, a (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico conta con case 19.000 euros para a súa incubadora eSe8 LAB, a través da que organiza xornadas de titorías e asesoramento, residencias artísticas e unha aula de formación; e o Intersección Festival Internacional de Cine conta con máis de 33.500 euros para o Intersección Lab, que ofrece un espazo de asesoramento e apoio á creación para profesionais galegos da dirección, o guión e a produción.

O festival pontevedrés Novos Cinemas, cunha axuda de 16.783 euros, organiza Terra#LAB, un laboratorio para o acompañamento e desenvolvemento de proxectos dirixido a primeiras e segundas longametraxes de cineastas emerxentes, especialmente menores de 30 anos. E destínanse 12.390 euros para a celebración da III Residencia FICBueu na illa de Ons, un programa formativo multidisciplinar dedicado ao tratamento integral de curtametraxes na súa etapa de desenvolvemento.

Dentro das entidades sectoriais, a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización CREA recibe 38.867 euros de subvención para o Conecta Lab e as súas actividades de acompañamento no proceso de creación, escritura e desenvolvemento de longametraxes e series; a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) conta con 12.892 euros para o Agapi Impulsa Copros, un programa gratuíto de asesoría personalizada para creadores e creadoras menores de 30 anos que queiran mellorar e orientar no seu financiamento proxectos de coprodución para cinema e televisión; e, por último, esta liña de axudas dirixe máis de 7.600 euros ás Titorías AGAG para Mulleres Guionistas, coas que a asociación acompaña as profesionais do guión, especialmente noveis, para a escrita de proxectos en galego de ficción e programas de televisión.

Tanto a Residencia FICBueu como Agapi Impulsa Copros acaban de abrir o prazo de inscricións para as súas próximas edicións.

Comparte