Nova: A Xunta fornece a programación cultural de Vigo apoiando con 30.000€ as actividades da Asociación Evame-Oroza para este 2025

23/05/2025

A Xunta fornece a programación cultural de Vigo apoiando con 30.000€ as actividades da Asociación Evame-Oroza para este 2025

López Campos destaca que servirá para impulsar o Premio Internacional de Poesía e a súa Gala e tamén o Festival ‘Expandido Máis Alto’, entre outras accións

Apunta que este pulo á dinamización da cultura da cidade por parte do Goberno galego sumase á recuperación do Teatro Cine Fraga, cun plan de usos xa deseñado

Vigo, 23 de maio de 2025

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina 30.000 euros para apoiar as actividades da Asociación Évame-Oroza deste ano 2025 e, deste xeito, “fornecer aínda máis, desde o Goberno galego, a programación cultural de Vigo”. Así o salientou o titular deste departamento, José López Campos, na sinatura hoxe na cidade olívica dun convenio de colaboración co presidente desta entidade, Javier Romero, e na que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.

O titular de Cultura da Xunta gabou o labor deste colectivo que “está a propiciar un renacemento cultural e social de Vigo, tendo como epicentro o Casco Vello”, en referencia ao edificio que foi rehabilitado polo Goberno galego neste barrio histórico da cidade. Por estes motivos, considerou “de xustiza” a colaboración con esta entidade, “que non só mantén viva a obra e figura dun dos poetas galegos máis orixinais e salientables do século XX, senón que exerce de pulo dinamizador dentro e fóra da cidade”.

Precisamente, López Campos explicou que o apoio da consellería servirá para impulsar o Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza, que ten dúas modalidades (galego e castelán) e unha dotación económica de 6.000 euros cada unha. Ademais, tamén servirá para a creación dunha Gala de entrega deste certame, á vez que para fortalecer o Festival Expandido Máis alto que o Ceo, ademais doutras actividades que realiza a asociación ao longo do ano e ao redor da creación literaria.

Fornecer a programación cultura da cidade

O conselleiro enmarcou este empurre ás accións da Asociación Évame-Oroza como un “exemplo do compromiso” do Goberno galego coa cidade de Vigo, que se suma á recuperación do Teatro Cine Fraga, “co propósito de convertelo no referente cultural de primeiro orde do noroeste peninsular” e do que lembrou que, en menos dun ano da súa adquisición xunto coa Deputación de Pontevedra, “xa se  ten listo o seu plan de usos”.

Cómpre lembrar que a Asociación Évame-Oroza naceu con obxectivo de custodiar e promover o patrimonio literario de Carlos Oroza (Viveiro, 1923-Vigo, 2015), transitar a ponte bicultural que, co legado do poeta, une a creación literaria en castelán e en galego, e animar o risco creativo das novas xeracións nos eidos ibéricos da narrativa e a poesía.

Comparte