Nova: A Xunta apoia a celebración do Galicia Design Week, que remata mañá na Coruña cunha xornada profesional

23/05/2025

A Xunta apoia a celebración do Galicia Design Week, que remata mañá na Coruña cunha xornada profesional

A Coruña, 23 de maio de 2025

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación das actividades profesionais do festival Galicia Design Week, onde deixou testemuño do apoio da Xunta de Galicia a este evento que mañá remata na Coruña despois de ter desenvolvido desde o pasado día 16 unha vintena de actividades abertas arredor da creación galega e internacional neste ámbito.

Nun acto celebrado no novo espazo Avenida Abanca, Sutil fixo fincapé na importancia do encontro, que na súa sexta edición se consolida como plataforma de aprendizaxe e intercambio a través de exposicións, obradoiros, coloquios e sesións musicais sobre últimas tendencias en edición, deseño gráfico e industrial e todo o seu potencial en canto que disciplina transversal a distintas áreas de produción. O Galicia Design Week despídese mañá cunha xornada especialmente dedicada ao exercicio profesional, na que figura un faladoiro sobre o novo deseño galego e outras citas coas creadoras de referencia Angie Bolea, Inma Hortas, Marta Pazos, Marta Cerdà ou Isabelita Virtual.

Comparte