Nova: A Xunta promove o talento emerxente no Encordass Fiddle Fest que este ano se centra na música grega

23/05/2025

A Xunta promove o talento emerxente no Encordass Fiddle Fest que este ano se centra na música grega

  • Anxo M. Lorenzo destaca a promoción do talento emerxente e o carácter didáctico da iniciativa para os novos instrumentistas
  • A Illa de San Simón acollerá, do 26 ao 29 de xuño, máis de 40 concertos con artistas internacionais do rebétiko, xénero musical grego, e de Galicia
  • O concerto inaugural terá lugar no Museo do Mar de Galicia o vindeiro 26 de xuño

Vigo, 23 de maio de 2025.- O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe no Museo do Mar de Galicia a nova edición do festival internacional de música de corda Encordass Fiddle Fest, que conta coa colaboración da Xunta. Trátase dunha iniciativa que promove o talento emerxente e que este ano se centra no rebétiko, xénero musical grego.

No acto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor este certame, “que leva 14 anos enchendo de música a Illa de San Simón, e que promove o achegamento de artistas internacionais de primeiro nivel xunto con talentos emerxentes”. Ademais, destacou o carácter didáctico desta iniciativa, xa que fomenta a aprendizaxe a través de aulas especializadas dirixidas a instrumentistas. “É por iso que desde o Goberno galego mantemos a nosa colaboración con este tipo de certames que ofrecen propostas de lecer arredor da música e dirixidas a todos os públicos”, sinalou.

Tal e como indicou Anxo M. Lorenzo na presentación, o festival, que terá lugar do 26 ao 29 de xuño, ofrecerá máis de 40 concertos en formato íntimo e acústico nos diferentes escenarios da illa e acollerá o concerto inaugural do 26 de xuño no Museo do Mar de Galicia, baixo o título Músicas das illas, a música do mar. Trátase dunha cita na que o artista Christos Kanellos afondará na tradición grega da Illa de Creta, o dúo Darach nos sons da illa de Sky de Escocia, e a Galicia Fiddle Orquestra na música galega de raíz.

O cartel inclúe, durante catro días, máis dunha trintena de artistas e agrupacións chegadas de todo o mundo. Deste xeito, nos diferentes escenarios actuarán artistas galegos como Parbö, Maricarme, Antía Ameixeiras, Jako el Muzikante ou Abril. No eido internacional estarán o dúo galaico-escocés Darach, a Chelsea House Orchestra, e o grupo iraní Constantinople. Mentres que como representación grega no festival estarán artistas como Kelly Thomá, Christos Kanellos ou Rebetiko Trio.

Comparte