Nova: Xunta e Asociación Amigos de la Ópera asinan un convenio para o desenvolvemento da temporada lírica 2025

22/05/2025
Xunta e Asociación Amigos de la Ópera asinan un convenio para o desenvolvemento da temporada lírica 2025
A Coruña, 22 de maio de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e a presidenta da Asociación Amigos de la Ópera da Coruña, Natalia Lamas, asinaron un convenio para desenvolver o vindeiro outono unha nova Temporada Lírica que, entre outros concertos e actividades arredor do xénero, ofrecerá no mes de setembro a célebre Carmen, obra mestra de George Bizet, con dirección escénica de Calixto Bieito e dirección musical de Gianluca Martinenghi.
Segundo se especifica no texto rubricado, a Xunta de Galicia destina 160.000 euros a manter o seu compromiso co labor de promoción e difusión que realiza este colectivo da cidade herculina, decano no seu ámbito en todo o territorio español, con máis de 70 anos de traballo continuado a prol da divulgación deste eido musical. Unha tarefa que combina a produción e programación das grandes obras operísticas universais coa proxección de cantantes, compositores e músicos galegos nos mesmos elencos que as figuras destacadas do panorama lírico nacional e internacional.