Nova: A Casa da Cultura de Corvillón renovou a súa carpintería grazas a unha axuda da Xunta de 10.400 euros

12/05/2025
A Casa da Cultura de Corvillón renovou a súa carpintería grazas a unha axuda da Xunta de 10.400 euros
O concello de Cambados tamén recibiu unha achega de máis de 4.000 euros para a realización de actividades de dinamización da lectura nas súas bibliotecas
Na provincia de Pontevedra estas axudas chegaron a máis de 60 bibliotecas municipais e axencias de lectura por valor de preto de 53.000 euros
Pontevedra, 12 de maio de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a Biblioteca Municipal de Cambados Luis Rei, con motivo das axudas que recibiron as bibliotecas e axencias de lectura do concello.
Así, a Casa da Cultura de Corvillón recibiu unha achega de 10.400 euros que permitiu ao concello renovar a carpintería do edificio.
Esta axuda, outorgada o pasado ano pola consellería de Cultura, permitiu renovar e modernizar o espazo, que agora ofrece aos seus usuarios un espazo máis agradable, confortable e completo.
Durante a visita á Biblioteca Municipal o delegado territorial destacou as condicións do edificio que ofrece un “espazo adecuado para aquelas persoas que buscan un lugar de estudo, ou simplemente para quen queira vir gozar dalgúns dos moitos títulos que aquí están a disposición dos veciños e veciñas”.
Cabe destacar o compromiso da Xunta co apoio e mantemento das múltiples bibliotecas municipais que existen en Galicia e a súa dinamización. Tanto é así que o concello de Cambados recibiu este ano axudas por valor de máis de 4.000 euros para a realización de actividades de dinamización á lectura nas súas bibliotecas municipais.
Na provincia de Pontevedra, estas axudas para o fomento da lectura alcanzaron a máis de 60 bibliotecas ou centros de lectura por valor de preto de 53.000 euros.