Nova: A Xunta lanza a convocatoria para o patrocinio de festivais de música a través da marca FEST Galicia

12/05/2025
A Xunta lanza a convocatoria para o patrocinio de festivais de música a través da marca FEST Galicia
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude reserva unha dotación de 350.000 euros para apoiar eventos celebrados entre o 15 de xuño e o 30 de setembro
As base publicadas hoxe priorizan a presenza da música galega nestes carteis, sumándose á xa resolta liña de subvencións pola que se destinan preto de 50.000 euros a cinco festivais para a contratación de bandas ou solistas de Galicia
Santiago de Compostela, 12 de maio de 2025
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria anual de adhesión de festivais de música á marca FEST Galicia, o selo creado pola Xunta para agrupar eventos estratéxicos que difunden a imaxe da nosa Comunidade como destino musical baixo criterios de calidade e sustentabilidade.
Neste 2025, o Goberno galego reserva 350.000 euros a esta iniciativa, que se materializará na formalización de contratos de patrocinio con entidades privadas que organicen encontros destas características, con datas de celebración entre o 15 de xuño e o 30 de setembro. O prazo de solicitude permanecerá aberto desde mañá e ata o 2 de xuño a través da sede electrónica da Xunta.
Ademais da profesionalidade na súa xestión, os festivais que opten a esta convocatoria deberán ter formado parte da marca anteriormente, contar cun orzamento de execución na edición de 2024 superior aos 100.000 euros, poñer á venda un mínimo do 95% das súas entradas ou estar adheridos ao programa Carné Xove.
Entre os requisitos da nova convocatoria de FEST Galicia, destaca tamén o incremento do número de propostas galegas en cartel, establecendo un mínimo de catro bandas ou solistas nos eventos patrocinados.
Este apoio á presenza da música de Galicia nos festivais entronca cos obxectivos da liña de axudas a través da que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude adxudicou recentemente preto de 50.000 euros para a contratación artística galega por parte de cinco festivais. O Ateneo Barroco de Santiago de Compostela, Beatout Fest da Coruña, Encordass Fiddle Fest na illa de San Simón de Redondela, Murallón de Son en Silleda e The Wild Fest de Vigo son as citas subvencionadas este ano.
Apoios de ata 80.000 euros
As bases establecen tres categorías diferentes de patrocinio segundo o número de edicións celebradas e o tempo de adhesión á marca FEST Galicia. En función destas categorías, a achega económica da Xunta sitúase nunha franxa máxima de entre 30.000 e 80.000 euros por evento, incrementándose en 10.000 euros con respecto ao ano pasado.
A través de FEST Galicia búscase contribuír a crear valor engadido en festivais con características singulares e diferenciadoras, amosando ao tempo a diversidade e a pluralidade do talento musical e favorecendo a descentralización da oferta cultural.